





|
| Atope a información que precise utilizando o buscador avanzado da EGU.ES, escriba a palabra que desexe e prema o botón ''Buscar'', a páxina encontrará toda a información contida nas máis de 200.000 entradas da EGU. Tamén poderá buscar partindo de entradas en portugués, castelán, inglés ou alemán picando debaixo do buscador no idioma correspondente. Graciñas.
. Facendo dobre click sobre calquera palabra da enciclopedia verá a súa definición mediante o digalego.com. | |
|
|
| ra  (< lat rāna) |     port:rã     cast: rana     ingl: frog |
| 1 | ANIMAL
| |
1 | s f Anfibio anuro na súa etapa
posmetamorfose, con extremidades posteriores moito máis longas ca as
anteriores, adaptadas para o salto, dedos unidos por unha membrana interdixital
e pel lisa e húmida. Na época reprodutora os machos croan incansablemente,
grazas aos sacos vocais membranosos que teñen na gorxa, para atraer as femias.
Presentan fecundación externa, e o macho fecunda os ovos a medida que a femia
realiza a posta, que ten lugar na auga. Os cágados, que nacen sen patas e con
branquias internas, pasan na auga por distintos estadios ata completar a
metamorfose, pasando a ser idénticos aos adultos, pero de menor tamaño. Aínda
que os cágados son xeralmente detritívoros, os adultos aliméntanse de
artrópodos aos que localizan pola vista. En Galicia habitan catro especies, a
ra verde, a ra do monte, a ra patilonga e a ra de Santo Antón. A especie máis
abundante e estendida é a ra verde, aínda que a máis característica e
específica galega é a ra patilonga, que se pode considerar un endemismo galego. |
| |
2 | ra de Santo Antón 1rela. |
| |
3 | ra patilonga [Rana iberica, Fam dos ránidos] Ra que non sobrepasa os 55 mm de lonxitude,
con fociño apuntado, patas anteriores con catro dedos e as posteriores
relativamente máis longas ca as das outras ras, con cinco dedos unidos por unha
membrana interdixital ben desenvolvida. O dorso é de coloración variable, pode
presentar manchas escuras e ten unha mancha postocular que se prolonga
anteriormente ata os orificios nasais. O ventre é de cor abrancazada e a gorxa
con xaspeado ou reticulado agrisado que deixa unha banda central clara moi
característica. As femias son de maior tamaño ca os machos, que son máis
esveltos e coas patas dianteiras máis robustas. Durante o celo o macho presenta
calosidades nupciais escuras sobre a cara interna do primeiro dedo das patas
dianteiras. Vive en ambientes húmidos e frescos preto de cursos de auga limpa.
É unha especie que cría en augas rápidas onde non se atopan outras ras, sendo
moi áxil no salto e a natación. O período de celo é en marzo-abril, pero nas
zonas baixas adiántase a xaneiro. Trátase dun endemismo ibérico do noroeste
peninsular que penetra polo sistema Central ata a serra de Guadarrama. Moi
abondosa en Galicia, acada os 1.800 m, onde é substituída pola ra do monte.
Esta é a especie de ra máis característica de Galicia xa que, aínda que tamén
se encontra noutros lugares, é onde está a maior parte dos seus efectivos,
constituíndo o centro da súa distribución. |
| |
4 | ra verde [Rana perezi, Fam dos ránidos] Ra
de tamaño medio que pode acadar os 100 mm de lonxitude, sendo a especie máis
grande das atopadas en Galicia. A cabeza ten lonxitude e anchura similares, co
fociño lixeiramente apuntado e os ollos prominentes, con pupila horizontal e
próximos entre si. As patas dianteiras son robustas con catro dedos libres, e
as traseiras longas e fortes con cinco dedos unidos por membranas interdixitais
amplas. A cor dorsal é xeralmente verdosa aínda que pode variar entre o verde
claro e o pardo claro, e sobre esta cor ten manchas escuras que poden aparecer
en bandas transversais sobre as patas traseiras. Con frecuencia aparece unha
liña vertebral máis clara, abrancazada ou verdosa. A parte ventral é
abrancazada, podendo aparecer manchas de cor gris parda ou negras. Esta especie
forma parte do complexo de ras verdes europeas, pouco diferenciadas entre si
(algunhas especies de ras europeas non son verdadeiras especies senón
híbridos). As femias son de maior tamaño ca os machos, que presentan sacos
vocais patentes e patas dianteiras máis longas e robustas. Durante o celo o
macho presenta calosidades nupciais escuras sobre a cara interna do primeiro
dedo das patas dianteiras. É unha especie acuática e pode aparecer en calquera
punto de auga independentemente da súa calidade, aínda que prefire as augas de
pouca corrente. A época de celo ten lugar de marzo a mediados de verán. Trátase
dun endemismo ibérico distribuído por toda a Península Ibérica. En Galicia é
moi común, sendo máis abondosa nos ambientes cálidos. |
| |
5 | ra vermella/do monte [Rana temporaria, Fam dos ránidos] Ra
de aspecto robusto, que pode sobrepasar os 90 mm de lonxitude, con fociño
redondeado, patas anteriores con catro dedos libres, e patas traseiras longas
con cinco dedos unidos por membranas interdixitais de tamaño variable. O dorso
é alaranxado, amarelento ou ocre con manchas marróns ou negras, e cunha mancha
escura postocular. O ventre é branco ou amarelento. As femias son de maior
tamaño ca os machos, que posúen sacos vocais internos e patas dianteiras máis
robustas. Durante o celo o macho presenta calosidades nupciais escuras sobre a
cara interna do primeiro dedo das patas dianteiras, e algúns tamén teñen
tonalidades violáceas na gorxa. Os adultos atópanse nas fragas e acoden á auga
no inverno para a reprodución. A época de celo é na montaña a partir do desxeo
e na costa entre decembro e xaneiro. Reprodúcese en augas pouco fondas e sen
corrente. Trátase dunha especie paleártica que na Península Ibérica ocupa Os
Pireneos, Cordilleira Cantábrica e a metade N de Galicia ata o nivel do mar,
limitándose na zona SL aos cumios de Trevinca e Manzaneda. As ras do monte
galegas son moito máis pequenas ca as de Asturias e Os Ancares. |
|
| 2 | s f Peza do sistema de rotación do muíño sobre a
que encaixa o grilo. |
|
|


© 2008 Ir Indo Edicións. Todos os dereitos reservados.
|
| | 
 ra patilonga
 ra verde
|
|