





|
| Atope a información que precise utilizando o buscador avanzado da EGU.ES, escriba a palabra que desexe e prema o botón ''Buscar'', a páxina encontrará toda a información contida nas máis de 200.000 entradas da EGU. Tamén poderá buscar partindo de entradas en portugués, castelán, inglés ou alemán picando debaixo do buscador no idioma correspondente. Graciñas.
. Facendo dobre click sobre calquera palabra da enciclopedia verá a súa definición mediante o digalego.com. | |
|
|
| auga  (< lat aqua) |     port: água     cast:agua     ingl: water |
| 1 | s f QUÍM Composto formado por hidróxeno e osíxeno,
de fórmula H2O. Atendendo ó seu papel na natureza e ós seus
innumerables usos, pódese dicir que é a máis importante de todas as substancias
e que durante séculos foi considerada un
elemento.
Propiedades físico-químicas da
auga: Composición. A súa composición estableceuna
Cavendish en 1781 facendo estourar unha mestura de hidróxeno e osíxeno. A
análise fixérona Lavoisier e Meusner en 1783, descompoñendo o vapor con ferro
candente. A descomposición electrolítica realizárona por primeira vez Nicholson
e Carlisle no ano 1800. O problema da composición da auga reformulouse en 1913
coa descuberta dos isótopos, e conduciu á separación da auga
pesada. A auga de orixe natural é, de feito, unha mestura de
H2O e de moi pequenas cantidades de D2O e
HDO e, asemade, contén en proporcións case non medibles, combinacións derivadas
dos isótopos 17O e 18O e do tritio. No
estado de vapor os dous enlaces H-O forman un ángulo de 104°27’ cunha distancia
entre os centros atómicos de 0,96 Å. O enlace H-O é covalente, pero a
diferencia nas electronegatividades confírelle un certo carácter iónico e
provoca a formación dun dipolo. A estrutura en estado sólido, onde cada
osíxeno está envolto tetraedricamente por outros catro é moi aberta, a
consecuencia da formación de enlaces hidróxeno O-H-O. A pesar disto, as
moléculas de auga conservan a súa individualidade, pois o hidróxeno encóntrase
preto dun osíxeno (0,99 Å e afastado do outro (1,77 Å). O número total de
enlaces hidróxeno decrece coa temperatura, pero continúa sendo elevada ata a
ebulición. A estrutura da auga líquida é ata uns 4°C moi similar á do xeo. Por
riba dos 4°C a estrutura é aínda semicristalina, malia que máis compacta, e
cómpren condicións especiais de temperatura e presión para que domine a estrutura
máis típica dos líquidos (empaquetado máximo das moléculas). Baixo presión
normal, a auga líquida preséntase como unha estrutura macromolecular con
baleiros onde se poden intercalar outras moléculas ou ións capaces de rachar os
enlaces de hidróxeno, o que explica as excepcionais propiedades da auga como
solvente. O equilibrio dinámico entre as tres estruturas e a presenza dos
enlaces hidróxeno explican tamén as propiedades físicas particulares da auga
líquida.
Poliformismo. Dende o punto de vista das propiedades físicas,
a auga é, en efecto, unha das substancias máis complexas. Unha particularidade
interesante é o polimorfismo en estado sólido, xa que o xeo pode presentar seis
formas cristalinas diferentes. Isto fai que, en certas condicións de presión e
temperatura, coexistan dúas fases sólidas e unha líquida ou tres fases sólidas.
Agora ben, alí onde a auga manifesta un comportamento máis especial é no estado
líquido. As súas principais anomalías son: o feito de que a 0°C a densidade do
xeo é inferior á da auga líquida; os valores anormalmente elevados das súas
temperaturas de fusión e de ebulición; a diminución da viscosidade ó aumentar a
presión (por baixo dos 30°C) e da comprensibilidade ó aumentar a temperatura;
os valores elevados da calor específica, de fusión e de vaporización, e da
constante dieléctrica. A expansión da auga ó solidificar fai rebentar os tubos
e os radiadores dos automóbiles; sen embargo, a máxima densidade da auga
líquida (3,98°C), evita a conxelación total dos ríos e dos lagos no inverno, e
do mar nas rexións árticas. Por outra banda, os valores elevados da calor
específica de fusión e de vaporización fan que as masas de auga actúen como
regulador térmico e inflúan enormemente sobre o clima. A auga, cando é pura
(auga destilada, auga bidestilada), é incolora –polo menos en pequenas
cantidades–, inodora e insípida. A súa condutividade eléctrica é moi baixa
(auga de condutividade).
Estabilidade. Quimicamente é moi estable e
fortemente exotérmica. A principal característica química da auga é, sen
dúbida, ser o máis universal de todos os solventes. Ademais, cómpre salientar a
súa capacidade de producir os compostos moleculares chamados hidratos; as
reaccións de hidrólise e de descomposición e o seu poder catalítico. O poder
solvente da auga maniféstase, sobre todo, coas substancias polares. A causa da
súa constante dieléctrica elevada, a auga favorece, máis que calquera outro
solvente, a disociación electrolítica. Os ións envólvense en moléculas de auga.
A solvatación prodúcese, ou ben por formación de enlaces hidróxeno (caso dos
anións) ou de coordinación (caso do ión H+que dá
H3O+), ou ben por simple atracción
electrostática entre o ión e o dipolo da auga. Nas reaccións de descomposición,
a auga descomponse liberando un dos seus compoñentes. A causa da
electronegatividade elevada do osíxeno, só o flúor é capaz de descompoñer a
auga liberándoo en frío. Pola contra, os elementos que liberan hidróxeno son
moi numerosos e comprenden algúns non-metais (carbono, silicio e boro) e todos
os metais máis electropositivos ca o hidróxeno. As reaccións co cloro (auga de
cloro) e con moitos carburos metálicos (acetileno) son reaccións de hidrólise.
Como catalizador, a auga ten tamén grande importancia, xa que son numerosas as
reaccións que non se producen sen a súa presencia. Así, as reaccións do osíxeno
co carbono, o óxido de carbono, o xofre, o fósforo e o hidróxeno, normalmente
moi vivas e incluso explosivas, non teñen lugar –ou son moi lentas–, cando os
reactivos están perfectamente secos. Nalgúns casos o efecto catalítico da auga
explícase pola disociación en ións que se produce. Analítica.
Atendendo á influencia da auga sobre as propiedades de moitos produtos, a súa
determinación analítica reviste unha grande importancia. Un exemplo típico é a
determinación da humidade atmosférica, efectuada cos higrómetros.
Cualitativamente a presenza da auga se identifica mediante a utilización de
reactivos químicos (nitruro magnésico, carburo de calcio e outros) ou mediante
medidas físicas, como a espectrofotometría infravermella. Para a determinación
cuantitativa, o método máis clásico é o pesado, efectuado antes e despois da
desecación en estufa ou ben cunha termobalanza. Este último método é máis
adecuado. Nos últimos tempos, o método químico máis importante é o de Karl
Fischer, que utiliza como reactivo unha solución de iodo e de anhídrido
sulfuroso nunha mestura de piridina e metanol anhidrados. Para coñecer a
humidade de certos sólidos, rapidamente pero sen moita precisión, utilízanse na
industria aparellos baseados en medicións eléctricas, automáticas ou de manexo
moi simple, que precisan dunha calibración previa. A súa principal aplicación é
a determinación da humidade dos produtos de orixe orgánica (madeira, coiro,
tabaco, cereais e demais).
Augas Naturais. A auga atópase na natureza
en forma de vapor, líquida ou sólida e constitúe, aproximadamente, unhas tres
cuartas partes en peso da codia terrestre. A auga líquida natural non é nunca
pura e contén materias en suspensión e numerosas substancias disoltas,
variables en natureza e cantidade segundo a orixe. As máis correntes son os
gases do aire e os ións Na+,Ca2+,
Mg2+, HCO3-,CI-,
SO42-. Cando a proporción de ións
CI-e Na+é moi elevada, como no caso da
auga de mar, a auga é salgada. As propiedades e os usos posibles da auga
dependen moito da cantidade de calcio e magnesio presentes e, dende este punto
de vista, tecnicamente se distingue entre as augas duras e
as augas brandas. Ademais das substancias mencionadas, a
auga natural pode conter en menor cantidade outros elementos e compostos
inorgánicos. A miúdo, tamén pode levar compostos orgánicos, provenientes de
residuos biolóxicos ou dos seus produtos de degradación, e algúns
microorganismos. Está presente como auga de hidratación en moitas rochas e
pódese atopar en estado natural con carácter radioactivo (presencia de
emanación). Finalmente, todas as augas que conteñen residuos industriais se
denominan augas residuais. A auga e os seres
vivos
Os tecidos de animais e plantas presentan
contidos de auga moi elevados, que aumentan canto maior sexa a actividade
fisiolóxica destes. O contido de auga é máximo nos tecidos máis novos (embrión,
meristema) e diminúe gradualmente coa idade. A importancia fisiolóxica da auga
está intimamente ligada ás súas excepcionais propiedades físicas e químicas. A
súa estrutura polar confírelle propiedades disolventes e ionizantes. Cumpre
tamén unha función termorreguladora e estrutural. A auga chega ás plantas por
absorción a través das raíces, e elimínase por transpiración. Os animais
obtéñena principalmente bebéndoa, ademais da que, nunha gran proporción, levan
os alimentos. A auga participa activamente no metabolismo dos seres vivos.
Tanto nas plantas como nos animais, fórmase na fase catabólica do metabolismo;
esta auga metabólica pode abondar para a vida dalgúns animais. Os animais
perden auga por excreción, transpiración e sudación, e co aire expirado. A auga
representa un dos medios máis axeitados para o desenvolvemento dos organismos.
As condicións que favorecen a vida no ambiente acuático, especialmente no mar
(auga de mar), son: a doada reactividade das substancias químicas no seo da
auga; a dispoñibilidade de todos os elementos; a solubilidade dos gases
(osíxeno, anhídrido carbónico); a súa densidade, moi próxima á do protoplasma
celular; a constante renovación do medio, e o feito de que os seres que alí
viven non precisan de se defender contra a
desecación. Tratamento e depuración das
augas
En xeral, as augas son sometidas a un
conxunto de operacións e tratamentos para volvelas aptas para o consumo humano
ou para unhas determinadas aplicacións industriais. Os tratamentos poden ser de
natureza física, química ou bacteriolóxica. O tratamento físico consiste en
someter a auga á decantación, natural ou acelerada con axentes de floculación,
e posteriormente á filtración. O tratamento químico que se efectúa soe consistir
nunha redución da dureza temporal ou carbónica debida ós bicarbonatos de
calcio ou de magnesio, e nun control do seu pH; tamén pode incluír o uso de
intercambiadores iónicos, para reducir ou eliminar os catións indesexados ou
para desmineralizar a desalgadura. O tratamento bacteriolóxico efectúase
xeralmente por oxidación con gas cloro, ou ben con compostos clorados; unha
pequena dose de cloro libre residual garante a potabilidade bacteriolóxica da
auga antes de chegar ós consumidores. A auga nos
procesos industriais
A auga intervén nos procesos
industriais, fundamentalmente, como primeira materia incorporada, como auxiliar
indispensable de fabricación, como refrixerante ou transportador de calor, como
fonte de enerxía e como vía de comunicación. As industrias que máis auga
consomen son as siderúrxicas, as centrais térmicas, as fábricas de pasta de
papel, as petroquímicas, as dos acabados téxtiles e as alimentarias.
Determinadas industrias, como as centrais ou as siderúrxicas, necesitan a
presencia dun curso de auga abundante. Nestes casos, onde a meirande parte da
auga só serve como axente térmico para arrefecer, a técnica actual permite
aproveitar e volver utilizar máis dun 90% do total da auga en circulación
(recirculación). As industrias que máis contaminan a auga (fábricas de papel,
acabados téxtiles, curtidoiros e outros), posto que a empregan principalmente
para lavar ou para enxaugar, son as máis directamente afectadas pola crecente
necesidade de auga. Fundamentalmente non lles é doado recuperar a auga
utilizada, dados os subprodutos que levan (deterxentes, colorantes), xa que as
plantas de tratamento requiren altos investimentos económicos e son moi
custosas de manter. Por outro lado, a vixilancia das concas fluviais, cada día
máis rigorosamente aplicada por parte das autoridades competentes, forza a este
tipo de industrias a deitaren as augas luxadas baixo condicións especiais, máis
ou menos severas segundo a proximidade de núcleos habitados que poidan resultar
afectados (augas residuais). Naquelas industrias onde a auga se incorpora ó
produto fabricado (bebidas, laboratorios farmacéuticos, etc), as condicións de
calidade e potabilidade da auga han de ser definitivas (auga potable). O papel
da auga como fonte de enerxía é tamén digna de salientar. Inicialmente foron as
rodas hidráulicas os elementos motrices da industria, feito que explica moitas
veces a presenza das primeiras industrias á beira de concas fluviais. A
combinación de caudais grandes de auga xunto cunha xeografía que facilita a
construción de encoros foi un dos factores decisivos do desenvolvemento
industrial duns países respecto dos outros. En canto á auga como vía de
comunicación, é no mar no que cómpre pensar primeiro. O feito de que o petróleo
e ós seus derivados desprazasen os combustibles sólidos (carbón e leña) obriga
ás industrias pesadas a situarse en zonas costeiras, pola facilidade de recibir
e expedir a materia prima e os produtos elaborados.
A auga e a economía As características
da oferta e da procura de auga son máis complexas ca as da maioría dos bens a
causa, sobre todo, dos usos tan diferentes e da valoración difícil destes usos.
O aumento do consumo por habitante, o crecemento da poboación e a expansión da
urbanización fan que o problema da escaseza de auga sexa xeral. O consumo de
auga está en relación directa co desenvolvemento e a estrutura da economía.
Nas zonas agrícolas dos países subdesenvolvidos o consumo por habitante é duns
40 l/h/día, mentres que na cidade de Chicago é da orde de 1.000 l/h/día.
Cuantitativamente o uso máis importante é o agrícola, onde ten unha función
insubstituíble. A industria emprega a auga como materia prima, pero tamén e
principalmente, para arrefecer ou limpar nalgunha fase do proceso produtivo. É
importante o sector hidroeléctrico porque, a pesar dos problemas
medioambientais que conleva, actúa sobre toda unha serie de factores. Produce
unha regulación no caudal dos ríos, pois evita as enchentes e permite un
abastecemento regular ó longo do todo o ano dos diferentes usuarios: agrícolas,
industriais ou urbanos. O uso máis importante en relación cos problemas que
produce é sen dúbida o urbano. As necesidades son aínda moi elevadas en moitos
lugares, malia o incremento do abastecemento. Ademais da gran demanda que
xeran, as aglomeracións urbanas producen unha gran polución das augas. O
aumento de consumo previsto en todo o mundo traerá un encarecemento do recurso
e obrigará a unha racionalización do consumo, ó arredamento das técnicas de rego
dispendiosas e a un progresivo retorno á agricultura de secaño. |
| 2 | s f Elemento líquido que chega das nubes en
forma de chuvia. |
| 3 |
| |
1 | s f Río, regueiro, mar, corrente de auga,
etc. SIN: agua |
| |
2 | auga abaixo Nun curso de auga, nunha instalación hidráulica ou semellante, corrente abaixo,
en dirección ó lugar a onde descende a auga. |
| |
3 | auga alodada/atoldada Auga que está revolta. |
| |
4 | auga arriba Nun curso de auga, nunha instalación
hidráulica ou parecida, corrente arriba, en dirección ó lugar de onde vén a
auga. |
| |
5 | auga cabría Auga de rego que se pode usar libremente. |
| |
6 | auga corrente Auga que circula, que non está encorada. |
| |
7 | auga de pillotas Auga que corre libremente. |
| |
8 | auga natural Auga que brota dos mananciais. |
| |
9 | auga viva Auga corrente. |
| |
10 | augas vistas Auga que circula por unha condución descuberta. |
|
| 4 | s f Cada unha das partes do tellado, tamén chamadas vertentes, polas que se verten
as augas da chuvia. |
| 5 |
| |
1 | s f Calquera líquido orgánico de procedencia
animal (secreción, efusión, humor acuoso) que ten un aspecto semellante á auga,
como a saliva, a suor, os ouriños e demais. SIN: agua |
| |
2 | s f pl Denominación
popular do líquido amniótico, sobre todo empregada na expresión ‘romper augas’. |
|
| 6 |
| |
1 | s f Zume das froitas. SIN: agua |
| |
2 | auga de coco Leite de coco. |
|
| 7 | s f pl Transparencia,
limpidez e lustre dunha pedra preciosa, especialmente o diamante. |
| 8 | s f pl O
mesmo líquido cando ofrece algunha propiedade curativa e, por extensión o lugar
onde se poden beber ou bañarse nelas. |
| 9 | s f pl Brillos
ou reflexos en forma de ondas mariñas nalgunhas teas, pedras, madeiras, penas e
superficie semellantes. Ex:
O vestido fai unhas augas pola parte de abaixo. |
| 10 | ALIM/QUÍM
| |
1 | auga carbónica Auga gasosa que contén disolto dióxido de
carbono e ácido carbónico libre. As augas carbónicas poden ser naturais ou
artificiais. A solubilidade do dióxido de carbono en auga é feble a presión
ordinaria e as augas carbónicas perden rapidamente o gas se non son conservadas
en recipientes pechados e a presión. |
| |
2 | auga das castañas Infusión de café sen aroma e moi pouco cargada. |
| |
3 | auga gasosa Auga que contén gases na disolución, como a auga carbónica. |
| |
4 | auga mineral Auga de fonte que ten características especiais de composición que lle confiren
un sabor diferente, fana máis apta para certas dietas, axudan á dixestión (polo
seu contido en gases, por exemplo) ou presentan certas propiedades
terapéuticas. |
| |
5 | auga picante Auga mineral carbónica, que pica no padal
a causa do ácido e do anhídrido carbónico que contén. |
| |
6 | auga potable Auga apta para a alimentación humana, para a dos animais domésticos ou para a
preparación e elaboración de alimentos. Pode proceder de fontes naturais, dos
ríos ou incluso do mar. Pódense facer potables as augas residuais mediante
procesos de depuración. As condicións físicas, químicas e microbiolóxicas que
debe reunir a auga potable teñen que ser coidadosamente controladas, como tamén
a escuma orixinada por deterxentes moi estables que resisten as depuracións
químicas e biolóxicas e, sobre todo nas industrias alimentarias, diversos
aspectos de composición que poden influír no sabor e no arrecendo do produto
que se está a elaborar. |
| |
7 | augas de vexetación Auga contida nas olivas que, xunto con
outros subprodutos, se separa ó elaborar o aceite. |
|
| 11 | BIOL
| |
1 | auga de imbibición Nos organismos vivos, a auga que ocupa os
espacios libres nos xeles de moléculas proteicas. A auga de imbibición
comprende a auga libre, retida por capilaridade, e a auga
enlazada, unida a estas moléculas por forzas como as que dan lugar á
formación de hidratos. A auga enlazada pode representar en certos casos ata o
30% da auga de imbibición total. Tanto a auga libre como practicamente a
totalidade da auga enlazada desenvolven no organismo a función de solvente. |
| |
2 | auga metabólica Auga resultante dos procesos metabólicos. |
| |
3 | falsas augas Líquido seroso expulsado durante o
período de preñez. |
|
| 12 | IND
| |
1 | auga da forxa Auga que se adquire na ferrería para usar
como abortivo. |
| |
2 | auga de cortiza Auga onde estivo a macerar a cortiza de
piñeiro, da aciñeira ou doutras árbores e que, unha vez disoltos os taninos,
tomou unha cor vermella escura. |
| |
3 | augas brancas Augas de cor esbrancuxada que, na
fabricación de papel, se separan da pasta e que conteñen unha certa cantidade
recuperable de fibras. Unha parte das augas brancas pode ser posta novamente en
circuíto pero, cando menos para unha fracción, é preciso utilizar
recuperadores. |
| |
4 | augas fecais/ augas negras Augas residuais dunha poboación. |
| |
5 | augas residuais Augas que conteñen residuos diversos, procedentes quer da industria, quer de
núcleos de poboamento humano (augas fecais ou negras). Son envorcadas
xeralmente en pozos negros ou, mediante unha rede de sumidoiros, nos ríos ou no
mar. Neste último caso, cómpre sometelas previamente a un tratamento de
depuración de augas residuais. SIN: ludro, sudre |
|
| 13 | MAR
| |
1 | augas do leme Augas que se encontran xunto á pa do
leme, ou aquelas que, envolvendo os costados da embarcación, inciden na pa do
leme no seu movemento. |
| |
2 | augas dun barco Augas que deixan detrás do barco a pegada
da súa marcha. |
| |
3 | augas históricas Nome aplicado ós espacios marítimos que
tradicionalmente foron considerados parte do territorio dun estado determinado. |
| |
4 | augas interiores Espacios marítimos situados entre as
concavidades da costa que, a causa da súa configuración e amplitude
relativamente pequena, se consideran dentro dunha liña media de costa. Esta
consideración aplícase tamén ós espacios marítimos entre as illas e os illotes
achegados, e ós portos, ademais dos espacios fluviais que serven de vía de
acceso ó mar. |
| |
5 | augas internacionais Espacios marítimos que non forman parte
do mar territorial ou das augas interiores. Tamén é a denominación antiga de
alta mar. |
| |
6 | augas territoriais
mar territorial. |
| |
7 | augas xurisdicionais Antiga denominación de mar territorial ou
espacio marítimo sometido á soberanía dun estado. |
|
| 14 | QUÍM/MED
| |
1 | auga albuminosa Auga mesturada con claras de ovo, que se
emprega como antídoto en intoxicacións por vía gástrica. |
| |
2 | auga aromática destilada Nome xenérico das solucións acuosas obtidas destilando con auga ou ó vapor –a
presión ordinaria ou ó baleiro, con maceración previa ou sen ela–, certas
plantas e flores. As augas aromáticas chámanse dobres ou triplas cando foron
cohobadas dúas ou tres veces. Chámanse tamén augas aromáticas ás solucións
similares preparadas sen destilar, disolvendo en auga aceites esenciais
deterpenados suficientemente solubles ou incluso produtos sintéticos
odoríferos. |
| |
3 | auga bidestilada Auga sometida a dúas destilacións co fin
de obter un grao de pureza superior ó da auga destilada ordinaria. |
| |
4 | auga bórica Solución acuosa de ácido bórico ó 3%. Emprégase como antiséptica, especialmente
para lavar os ollos. |
| |
5 | auga branca Solución acuosa nun 1-2% de acetatos
básicos de chumbo, así chamada porque se presenta como unha suspensión leitosa
de carbonato e sulfato de chumbo. Empregábase externamente como astrinxente e
como sedante contra inflamacións e contusións sen ferida. |
| |
6 | auga branda Denominación técnica da auga doce que, xa dende a orixe ou ben por un
tratamento de desendurecemento, contén en solución cantidades baixas ou nulas
de ións calcio, magnesio ou doutros metais pesados. |
| |
7 | auga clorofórmica Solución acuosa ó 0,5% de cloroformo. Empregada como antiemética a causa da
acción anestésica do cloroformo sobre o estómago. |
| |
8 | auga da Raíña de Hungría Alcoholato preparado con flores, follas e brotes floridos de romeu (receita
atribuída á Raíña Isabel de Hungría, s XIII), ou ben solución alcohólica de
esencia de romeu con algunhas outras esencias vexetais. |
| |
9 | auga de Alibour Solución diluída de sulfato de cobre e mais de zinc cunha pequena cantidade de
láudano e alcanfor. Empregada como antiséptica, astrinxente e antiulcerosa.
Chámase tamén auga verde. |
| |
10 | auga de arroz Auga obtida coa cocción de arroz. Remedio
caseiro para as diarreas. |
| |
11 | auga de azar Auga aromática destilada, obtida a partir
de flores de laranxeira frescas, que se emprega como antiespasmódica e en
perfumería. |
| |
12 | auga de Bürow Solución acuosa de alume potásico e de acetato
de chumbo. É velenosa e emprégase como antiinflamatoria e astrinxente. |
| |
13 | auga de cal Solución saturada de hidróxido de calcio (1,7 g/l, a 15°C), empregada como
reactivo para identificar o anhídrido carbónico e tamén en farmacia como recalcificante
antiácido, astrinxente e desinfectante suave. É un dos compoñentes do linimento
oleocalcario. Entúrbase ó contacto co aire. |
| |
14 | auga de canela Auga aromática destilada obtida da casca da canela. Ten unha lixeira acción
estimulante das funcións dixestivas. |
| |
15 | auga de cloro Solución de cloro en auga. Ten a cor, o gusto e o cheiro do cloro. Arrefriada a
0°C deposita un hidrato, Cl2·8H2O, que se
considera un clatrato. A auga de cloro descomponse pouco a pouco por hidrólise e,
exposta á luz, desprende osíxeno. |
| |
16 | auga de Colonia Auga cun cheiro baseado, principalmente,
en esencias de cítricos (bergamota e limón), utilizada como perfume e como
cosmético. As fórmulas das augas de Colonia son moi diversas, tanto polo seu
grao alcohólico, que pode variar entre 80 e 90, como polas esencias que poden
acompañar as dúas mencionadas, de flor da laranxeira e de romeu sobre todo,
pero tamén, entre outras, de arzaia, de pel de laranxa, de melisa e de tomiño.
Nalgunhas fórmulas interveñen tamén a auga de azar, a auga de rosas e a auga do
Carme. As máis antigas obtíñanse macerando en alcohol puro algunhas das
materias primas vexetais, destilando e engadindo ó destilado as outras
esencias. Actualmente se fabrican disolvendo unicamente esencias obtidas cun
simple filtrado. A auga de Colonia comezou a fabricarse industrialmente no ano
1710 na cidade do seu nome, pero ten orixe italiana. Representou, de feito, o
inicio da industria da perfumería moderna. |
| |
17 | auga de condutividade Auga de condutividade inferior a 0,5 x 10-6
Ω-1 cm-1 de pureza, bastante elevada
xa para as medidas electroquímicas. Obtense redestilando en aparellos de cuarzo
auga bidestilada, previamente tratada con permanganato de potasio, para oxidar
a materia orgánica, e despois con álcali cáustico, para eliminar o dióxido de
carbono. |
| |
18 | auga de constitución Auga que en proporción fixa vai unida
directamente por enlace de coordinación ó átomo central do catión, ou ben unida
por enlace hidróxeno ó anión ou a un coordinante do anión se este é complexo. A
auga de constitución elimínase con maior dificultade que a auga de
cristalización. |
| |
19 | auga de cristalización En sentido extenso, a totalidade da auga
dos hidratos formados por evaporación ou arrefriamento de solucións acuosas,
tanto se é parcial ou totalmente (auga de constitución) como se é propiamente
auga de cristalización. |
| |
20 | auga de hamamélide Auga destilada aromática, obtida da
cortiza de hamamélide. Emprégase como hemostática e astrinxente. |
| |
21 | auga de hidratación Auga contida nun hidrato. |
| |
22 | auga de imbibición/auga de inserción Auga presente en certos hidratos, en
proporción máxima fixa, que non contribúe ó establecemento do retículo
cristalino e, polo tanto, pode ser expelida reversiblemente dos cristais, ou
tamén substituída por outras pequenas moléculas, sen alteralos
macroscopicamente e sen modificar a súa estrutura. |
| |
23 | auga de lavanda Auga de olor a base de arzaia (Lavandula angustifolia). |
| |
24 | auga de loureiro real Auga recendente destilada, obtida das follas frescas do loureiro real. É
velenosa e soe empregarse en pequenas doses como calmante da tose. |
| |
25 | auga de olor Nome xenérico das solucións alcohólicas de aceites esenciais utilizadas como
perfumes e cosméticos. |
| |
26 | auga de rosas Auga aromática destilada obtida a partir
de rosas frescas. É un produto típico de Bulgaria e, aínda que coñecido dende
moi antigo, continúa a ser empregado en perfumería e cosmética. |
| |
27 | auga destilada Auga de pureza elevada, obtida a partir da auga natural por destilación. A
destilación elimina a meirande parte das substancias disoltas ou en suspensión,
pero, en condicións ordinarias, non permite obter auga totalmente pura (auga
bidestilada, auga de condutividade). A auga destilada industrial obtense en
alambiques de cobre con serpentíns de estaño. Augas de calidade similar á da
auga destilada ordinaria, obtéñense tamén por desmineralización con resinas de
intercambio iónico ou por electroosmose. A auga destilada utilízase
habitualmente nos laboratorios e nas industrias de tinturas e colorantes, nas
farmacéuticas e noutras. |
| |
28 | auga do Carme Nome co que é coñecido popularmente o
alcohol de melisa composto. |
| |
29 | auga dura Denominación técnica dunha auga doce que
contén en solución cantidades importantes (por exemplo, duns 50 mg/l ou máis)
de ións Ca2+ ou Mg2+ ou doutros metais
pesados. A dureza dunha auga mídese polo método clásico da hidrotimetría, ou, máis
modernamente, por complexometría con EDTA. |
| |
30 | auga esterilizada Auga liberada de toda clase de organismos vivos mediante a acción dalgún axente
físico ou químico. |
| |
31 | auga fenicada Solución acuosa de fenol, utilizada en
antisepsia. |
| |
32 | auga ferruxinosa Auga que contén en solución compostos de
ferro. |
| |
33 | auga industrial Auga non potable empregada na industria
para refrixerar e lavar. |
| |
34 | auga medicinal Auga natural ou solución acuosa
artificial, empregada en terapéutica. |
| |
35 | auga minero-medicinal Auga mineral que pola súa composición e propiedades ten accións terapéuticas. |
| |
36 | auga osixenada Peróxido de hidróxeno,
H2O2. En estado puro é un líquido
incoloro, xaroposo, cáustico para a pel, miscible en auga, soluble en alcohol e
éter, de densidade 1,4422 a 25°C que unha vez conxelado funde a -0,41°C. Ferve
a 150,2°C, pero descomponse coa calor en auga e osíxeno, o que obriga a
destilala a presión reducida. É un ácido moi feble e a súa estrutura é HO-OH.
Preséntase e é utilizada sempre en solución acuosa, en concentracións que
varían entre o 3 e o 90%. Quimicamente é un oxidante poderoso. Con diversos
óxidos e hidróxidos metálicos dá peróxidos inestables que explican as reaccións
paradoxais onde a auga osixenada actúa como redutor e se reduce ó mesmo tempo
liberando osíxeno. A concentración das solucións comerciais de auga osixenada
exprésase a miúdo indicando o volume de osíxeno que poden desprender por
descomposición. A solución ó 30%, chamada perhidrol, é aproximadamente de 100
volumes. As principais aplicacións da auga osixenada son: a industria téxtil,
para decoloración e branqueado, sobre todo; a industria química e mais a
industria papeleira, para branqueado de pasta de papel. Tamén se utiliza como
antiséptico e desinfectante, como decolorante, etc. A solución concentrada ó
90% forma parte dalgúns sistemas propulsores de torpedos e foguetes. |
| |
37 | auga pesada Cada unha das variedades isotópicas da auga, con hidróxeno de número de masa superior
a 1, ou con osíxeno de número de masa superior a 16, ou cos dous á vez. |
| |
38 | auga pesada esp Óxido de deuterio, D2O, formado por deuterio e osíxeno
ordinario. As solubilidades de moitas substancias son máis febles en
D2O que en H2O e as condutividades
electrolíticas son tamén un pouco inferiores. O D2O atópase
na auga natural na proporción do 0,015% e acumúlase no líquido residual cando a
auga se atopa sometida a electrólise. Dende o punto de vista químico, a súa propiedade
máis interesante é a facilidade de intercambio isotópico con numerosas
substancias hidroxenadas. O D2O comercial ten unha riqueza
do 99,75%. As súas aplicacións son a investigación química e biolóxica e, sobre
todo, o retardamento de neutróns en certos reactores nucleares. |
| |
39 | auga pícrica/auga amarela Solución acuosa ó 0,5% de ácido pícrico. Pola súa acción cicatrizante emprégase
contra as queimaduras. |
| |
40 | auga rexia Mestura dun volume de ácido nítrico e de
3 ou 4 volumes de ácido clorhídrico, ambos os dous concentrados. Fortemente
oxidante, sobre todo quente, disolve diversos metais nobres que resisten o
ácido nítrico só (ouro, platino, osmio). Os alquimistas chamábana aqua
regia pola súa acción sobre o “rei dos metais”, o ouro. |
| |
41 | auga salina purgante Solución acuosa de sal e amoníaco cun pouco de alcanfor. Emprégase como sedante
aplicada sobre a pel con panos quentes. |
| |
42 | auga selenitosa Auga que contén xeso disolto. |
| |
43 | auga sulfhídrica Auga natural que contén disolto sulfuro
de hidróxeno, ácido sulfhídrico, e que desprende o cheiro desagradable deste
gas. |
| |
44 | auga timolada Auga con timol ó 1%, glicerina e alcohol
de 90°. Ten propiedades antisépticas. |
| |
45 | augas amoniacais Solución acuosa obtida nas fábricas de gas que destilan hulla e nos fornos de
coque, ó depurar, arrefecer e condensar parcialmente os produtos volátiles. As
augas amoniacais conteñen amoníaco libre e sales amoniacais. Ata o
desenvolvemento da industria do amoníaco sintético foron a principal fonte de
amoníaco e dos seus derivados. |
| |
46 | augas nais Solución que queda en contacto cos
cristais ó cristalizar unha substancia disolta. A cristalización dá lugar, polo
xeral, a unha segregación, cando menos parcial, das impurezas que se concentran
nas augas nais. |
|
| 15 | RELIX
| |
1 | auga bautismal Auga preparada con óleo dos catecúmenos e
crisma. |
| |
2 | auga bendita Auga preparada con sales sobre a que o
sacerdote pronuncia uns exorcismos e unhas beizóns, empregada como auga
sacramental na liturxia cristiá. |
| |
3 | auga lustral Auga utilizada en diversas relixións como
medida de purificación, a causa da crenza de que a auga corrente, sentida como
viva, lava a impureza e os pecados. |
|
| 16 | XEOL/METEOR/MAR
| |
1 | auga artesiana Auga procedente dun pozo artesiano. |
| |
2 | auga capilar Parte da auga do solo mantida no seu lugar polas forzas capilares. |
| |
3 | auga choca Auga que está encorada e non se pode beber por atoparse en estado de
descomposición. |
| |
4 | auga chovediza/da chuvia Auga que cae cando chove. |
| |
5 | auga de fusión Auga resultante da fusión da neve ou do xeo. |
| |
6 | auga de mar Auga que contén diversos sales en solución e que forma os mares e os océanos.
Para definir a súa composición habitualmente se usan dous valores –clorinidade
e salinidade–, expresados en tantos por mil de peso. Para observar pequenas
diferencias entre mostras, utilízase tamén a medida da condutividade
eléctrica, que é a propiedade física da auga de mar determinable con máis
precisión. A salinidade media é de 34,75‰, pero pode variar sensiblemente
segundo a insolación e segundo a evaporación, e igualmente segundo as achegas
fluviais. Hai, en proporción case constante, cloruro de sodio (27,3‰), cloruro
de magnesio (3,4‰), sulfato de magnesio (2‰), sulfato de calcio (1,3‰), cloruro
de potasio (0,6‰), e carbonato de calcio (0,1‰). Presenta 60 elementos químicos
diferentes en forma de sales e gases disoltos. O pH oscila entre 7,5 e 8,4. En
latitudes baixas e medias a auga é máis fría na profundidade que na superficie,
e en latitudes moi elevadas sucede o contrario. Nas zonas cálidas, a diminución
de temperatura é rápida nos primeiros 200 m de profundidade (a un ritmo duns 5
°C cada 25 m), e vólvese despois máis lenta ata case deterse a partir dos 1.000
m; daquela, oscila entre os 0°C e os 8°C. A densidade, factor importante no
proceso xeral de circulación das masas de auga nos océanos, medra a medida que
aumenta a salinidade e decrece ó aumentar a temperatura. O valor medio é de 1,014.
A cor azul do mar é debida á absorción das radiacións vermellas polas masas de
auga; o verde das costas está provocado pola abundancia de pigmentos amarelos
procedentes das plantas e do plancto. A transparencia depende da abundancia de
fitoplancto: cando este é case inexistente, como por exemplo no mar dos
Sargazos, a auga de mar é tan transparente como a destilada; a coloración
vermella prodúcese polas algas (Mar Vermello) ou por diversos organismos
planctónicos (costas occidentais de América). |
| |
7 | auga de neve Chuvia e neve miúdas mesturadas. |
| |
8 | auga de retención Auga que queda enerxicamente retida sobre
as paredes dos capilares, unha vez absorbida toda a utilizable polas raíces. |
| |
9 | auga de xacemento Auga salgada que soe atoparse xunto co
petróleo. A súa aparición constitúe un síntoma favorable nas sondaxes
petrolíferas. |
| |
10 | auga freática Auga subterránea da zona saturada que
está sometida á presión atmosférica. |
| |
11 | auga gravitativa Auga que pode escorrer do solo polo seu propio peso. A capacidade de auga
gravitativa correspóndese coa diferenza entre a capacidade de retención máxima
e a capacidade capilar máxima. |
| |
12 | auga higroscópica Auga que pode absorber o solo en contacto
co aire húmido. Fortemente retida, é inutilizable polas plantas. |
| |
13 | auga meteórica Auga da atmosfera depositada na terra por efecto dos meteoros como a chuvia, a
neve, a sarabia, o orballo e a xeada. |
| |
14 | auga miúda Chuvia fina. |
| |
15 | auga morta Fenómeno producido polas ondas internas
que teñen lugar nun nivel non inferior ó calado dun barco, cando a esta
profundidade se poñen en contacto dúas capas de salinidade diferente.
Maniféstase pola perda de velocidade nos barcos e é moi frecuente nos fiordes
de Noruega. |
| |
16 | auga patañeira Chuvia moi fina. |
| |
17 | auga termal Auga que abrolla a temperatura superior á do ambiente; isto permítelle levar en
disolución gran proporción de sales minerais. Soe ter unha orixe profunda ou
estar asociada a unha anomalía xeotérmica positiva, como pode ser un magma
pouco arrefriado, unha zona de falla, etc. Recoñécenselle propiedades
terapéuticas, probablemente ocasionadas pola súa riqueza en gases e pola súa
radioactividade. |
| |
18 | auga volcánica Auga que sae en forma de vapor nas erupcións
volcánicas, xeralmente en grandes cantidades. Pode provocar, ó arrefecer,
chuvias locais moi intensas. |
|
|
|
|
|