





|
| Atope a información que precise utilizando o buscador avanzado da EGU.ES, escriba a palabra que desexe e prema o botón ''Buscar'', a páxina encontrará toda a información contida nas máis de 200.000 entradas da EGU. Tamén poderá buscar partindo de entradas en portugués, castelán, inglés ou alemán picando debaixo do buscador no idioma correspondente. Graciñas.
. Facendo dobre click sobre calquera palabra da enciclopedia verá a súa definición mediante o digalego.com. | |
|
|
| carro  (< lat carru ‘carro’) |     port:     cast:carro     ingl: |
| 1 | s m Vehículo de transporte
movido por tracción animal. O carro tradicional está integrado basicamente por
dúas partes: o chedeiro e o rodal. O rodal ou rodeiro está formado polas dúas
rodas e o eixe, que forman unha soa peza para dar maior estabilidade ó
conxunto. A roda consta de tres partes exteriores: o mión (tamén denominado minle,
mil ou miñón) e as dúas cambas. Nas comarcas en que adoitan ser máis grandes
poden contar con dúas pezas máis, as segundeiras, que van entre o mión e as
cambas. Por dentro, co fin de unir as pezas anteriores, van as dúas rellas que
atravesan por arriba e por abaixo do ollal o mión e as cambas, tamén as
segundeiras, se é que as leva, e nalgúns casos algúns tornos. O canto está
protexido por unha lamia (ferraxe ou ferra) consistente en dúas pezas de ferro
cravadas na madeira con espetas (pugas, betoques ou agullas) ou ben un aro que
se encaixa quentándoo e logo arrefriándoo para que axuste ben. As rodas podían
ser lampas, coa madeira en contacto directo co chan, ás veces cunhas pezas
supletorias, as lobetias, que se cambiaban ó desgastarse. En
comarcas moi montañosas as lamias poden ter dentes, a xeito de engrenaxe, para
que agarren mellor tanto ó subir como ó baixar. O chedeiro ou leito é a parte
sobre a que vai a carga, e tamén por onde turran os animais. A armazón, chamada
grade, está formada pola cabezalla (pino, pinallo, pezoeira ou cabezallo)
situada no medio, e as dúas chedas laterais (pértegas) que por diante rematan
uníndose; as cadeas (traveseiros, tesóns ou tesoiros) que atravesan as tres
anteriores formando a estrutura de grade (leito, soallo ou mesa) e os
tizóns, que se diferencian das anteriores en que non saen
para fóra das chedas; e, sobre todos eles, vai o piso de táboas. A cabezalla
leva unhas furas na dianteira para meter a chavella que suxeita o loro ou
temoeiro do xugo, e tamén un puntal (baldón, tentemozo, mozo ou tensón), para
manter incorporado o carro cando se carga ou descarga. Por debaixo das chedas e
nun lugar preciso para que o carro quede ben equilibrado, van as cantadeiras ou
buxas, formadas polas chumaceiras (coucillóns ou coucóns), co rebaixe en
semicírculo para que rode o eixe, suxeitas a cada lado por un par de treitoiras
(dentoiras ou apeladoiras) que se axustan máis ou menos, e das que depende o
canto do carro. As chedas levan as correspondentes furas para
os estadullos (fungueiros, fumeiros ou fueiros), que poden ir sós ou termar dos
ladrais (canizas, curripas ou ladrairos) cando se transportan cousas miúdas.
Cando se trata de cargas que ocupan moito espazo pero pesan pouco, como é o
caso do feo, ademais dos estadullos máis altos, pónselles diante un fumeiro
especial en forma de galla, denominado nalgúns sitios
bueiro. Os carros máis correntes son os de dous animais
(unha xogada de bois ou unha parella de vacas), pero tamén os hai para un
(xeralmente unha vaca). Este último tipo carece de cabezalla e presenta no seu
lugar dúas chedas ou varas, entre as que vai o animal; as rodas son máis
pequenas e lixeiras. Na construción do carro poden empregarse diversas
madeiras, pero a máis habitual é a de carballo para as rodas, o freixo para o
eixe, o carballo ou o bidueiro para o chedeiro e as chedas, o sanguiño,
bidueiro ou salgueiro para as treitoiras, e calquera outra para as táboas da
mesa ou soallo. O uso deste tipo de carro estendíase por toda Galicia, así como
polas terras limítrofes de Asturias, León, Zamora e Portugal. Obsérvanse
pequenas diferencias entre os dalgunhas zonas, que afectan, en particular, á
forma do chedeiro e ás rodas. No primeiro caso depende das chedas, que poden
rematar máis ou menos apuntadas por diante. Polo que se refire ás rodas, a
característica máis destacada son as galgas -os ocos das rodas-, que varían
segundo o tamaño, así como a forma, que pode ser de medio círculo ata un
pequeno círculo completo. Canto máis galga teña, máis lixeira é a roda e, pola
mesma razón, pode subir mellor, pero é menos resistente. Modernamente, o carro
sufriu unha radical transformación, que afectou tanto ás rodas como ó chedeiro,
no que a madeira foi substituída polo ferro, e quedou practicamente convertido
nunha peza de museo. Os estudios máis completos sobre este vehículo débense ó
antropólogo Xaquín Lorenzo. O carro usouse en Mesopotamia (cara ó 3000 a C) e
pouco tempo despois, en Exipto. O carro lixeiro, tirado xeralmente por dous
cabalos, empregouse enseguida para a guerra e mesmo, entre a aristocracia,
para a caza. O carro pesado, para o transporte, esixía mellores camiños e
xeneralizouse máis tarde; anteriormente, empregábase o sistema de transporte en
besta de carga. Na Europa mediterránea os primeiros carros coñecidos son os da
Grecia micénica. Os pobos indoeuropeos, especialmente os célticos, utilizaron
os carros nos rituais funerarios e aparecen con frecuencia nas súas tumbas. O
tipo de carro galego, ben documentado iconograficamente na Idade Media, era
igual a como chegou ata os nosos días e, en particular, ata mediados do século
XX. |
| 2 | s m Pequeno vehículo de catro
ou dúas rodas, movido de forma manual para transportar pequenas cargas. Ex: No supermercado sempre collo un carro
para facer a compra. |
| 4 | s m
| |
1 | Carruaxe lixeira para a guerra, os desfiles e outros usos, aberta por detrás e
tirada por dous ou catro cabalos, na que o condutor se mantiña dereito. |
| |
2 | carro de combate Vehículo militar acoirazado e armado para o combate. SIN: 2 tanque |
| |
3 | carro falcado Carro de guerra antigo coas rodas gornecidas de gadañas para esnaquizar os
inimigos ó seu paso. |
|
| 5 | s m Armazón provista de rodas
ou corredeiras, construída en madeira ou metal, que serve para soster e
transportar un canón ou unha arma de fogo portátil. |
| 6 | s m
| |
1 | Mecanismo dotado de movemento de translación
que transporta unha ferramenta ou calquera outro elemento dun lugar a outro
nunha máquina. |
| |
2 | Peza da máquina de escribir que avanza
horizontalmente para mover o papel a medida que se pulsan as teclas. |
| |
3 | GRÁF Bastidor de ferro sobre o que se coloca a
forma que se vai imprimir e que corre polas bandas da máquina. |
|
| 7 | s m MAR
| |
1 | Aparello xiratorio de madeira ou doutro
material que se emprega nas embarcacións de pesca para largar e recoller as
redes. |
| |
2 | Armazón de táboas sobre a que se deposita unha
embarcación para efectuar o seu transporte ou garantir a súa seguridade contra
o deterioro nas temporadas en que está varada en terra. |
| |
3 | Anaco de madeira situado no fondo da proa da dorna empregado para inclinar máis
ou menos o pau da vela segundo a forza e dirección do vento. |
|
| 8 | s m ZOOL Parte do exoesqueleto que cobre o cefalotórax
dos crustáceos decápodos. |
| 9 | s m METROL Medida de capacidade para áridos que oscila entre 25 e 125 feixes. |
| 10 | ASTRON
| |
1 | s m Nome popular da
constelación da Osa Maior. OBS: Xeralmente escríbese en maiúscula e tamén se
denomina carro do ceo. |
| |
2 | carro pequeno/das estrelas/carriño Designación popular que recibe a constelación da Osa Menor. |
|
|
|
|
Fraseoloxia:
|
Botar polo carro. Empurrar o carro nun paso difícil. Cargar o carro. 1 Embebedarse. 2 Deixar encinta a unha muller. Carro anteposto. Expresión que se usa para indicar que o carro vai pesando máis na parte dianteira, que vai baleiro ou que ninguén guía a xugada. Como se cantase/rousase un carro. Sen prestar atención. Dar cambón ó carro. Aumentar unha ou dúas parellas de bois á xunta que tira por el. Deixa andar o carro coas rodas! Expresa indiferenza ou desentendemento. Endereitarse o carro. Tomar un asunto un cariz favorable. Entornárselle o carro a alguén. Dar a luz a muller de alguén. Falo eu ou renxe o carro?/Fala un tolo ou renxe o carro? Expresión que se usa para requirir a atención dos demais. Non andar o carro. Quedar un negocio paralizado. Non poder tirar por ese carro. Ter dificultades para realizar algo. Non saír o carro do carpinteiro. Andar seguido un vello no médico. Non vai no meu carro á misa. Aplícase a unha persoa que non resulta agradable ou da que non se pode fiar un. Parar o carro. Deterse ou conterse ó facer ou dicir algo. Poña Deus a man nun carro! Pedir que Deus axude para algo. Poñer o carro diante dos bois/antes ca os bois, poñer os bois antes ca o carro. Facer as cousas ó revés ou de forma precipitada. Poñer o carro diante dos ollos. Facer ou dicir calquera cousa desatinada. Pórse alguén ó carro. Comezar a traballar. Ser coma un carro ferrado. Ser moi sólido física e moralmente. Ser das que botou o demo pola cueira do carro. Ser unha muller brava. Ser máis torto ca as cambas do carro/ser retorcido como a(s) camba(s) do carro. Actuar de mala fe ou ter un carácter moi difícil. Ser un carro cansón. Ser moi lento. Tal é o carro como os estadullos/fumeiros. Expresan coincidencia entre as características de dúas persoas, xeralmente en sentido negativo. Tirar do carro. Axudar a alguén nalgún traballo. Torcerse o carro. Tomar un xiro adverso o asunto. Untar o carro. Subornar a alguén. Vai tirar dun carro! Díselle a alguén cando amola ou non quere razoar.
. |


© 2008 Ir Indo Edicións. Todos os dereitos reservados.
|
| | 
 Partes do carro


O carro eo home, filme de Antonio Román.
|
|