





|
| Atope a información que precise utilizando o buscador avanzado da EGU.ES, escriba a palabra que desexe e prema o botón ''Buscar'', a páxina encontrará toda a información contida nas máis de 200.000 entradas da EGU. Tamén poderá buscar partindo de entradas en portugués, castelán, inglés ou alemán picando debaixo do buscador no idioma correspondente. Graciñas.
. Facendo dobre click sobre calquera palabra da enciclopedia verá a súa definición mediante o digalego.com. | |
|
|
| Corea, República de  [nome
oficial coreano: Taeham-Min’guk] | | ou Corea do Sur Estado de Asia Oriental que ocupa a parte meridional da península de Corea, limita ó N, pola liña de demarcación establecida ó redor do paralelo 38°, coa República Democrática Popular de Corea (99.263 km2; 46.109.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 38° e os 33° de latitude N e os 126° e 132° de lonxitude L. A capital é Seúl. Xeografía física
Relevo, hidrografía e climatoloxía O relevo é accidentado no sector oriental e central, cunha cadea montañosa principal, en dirección NS, paralela á costa. No sector occidental hai numerosas illas, entre as que sobresae a de Cheju, coa máxima altitude do país, o monte Hallan-san (1.950 m). Os ríos máis importantes son o Naktong e o Han, pero tamén destacan o Yōngsan e Punkhan. O clima é continental, con invernos fríos e secos e veráns cálidos e chuviosos. A precipitación media anual é de 1.400 mm, e concéntrase, sobre todo, nos meses de xuño e agosto. A costa meridional padece no verán furacáns, fortes ventos e precipitacións. A vexetación ten características subtropicais; destaca, especialmente, o monte de bambús, aínda que a intensa presión por parte do home motivou unha diminución da súa extensión a prol dos cultivos. Xeografía económica
Economía Tradicionalmente, os grandes conglomerados industriais, Samsung e Hyundai, dominan a economía coreana. Estas grandes empresas foron obxecto dunha reforma lexislativa, xa que se pensaba que impedían a libre competencia. Os plans quinquenais que comezaron en 1962, concentráronse no desenvolvemento industrial. O primeiro (1962-1966) propuxo un ritmo de crecemento global moi forte, acadado grazas á axuda da ONU; o segundo (1967-1971) mantivo o ritmo; ó terceiro (1972-1976) afectoulle a crise mundial do petróleo, ante a que reaccionou dun xeito máis desenvolto ca os estados europeos, para poder manter o ritmo de crecemento anterior. O Estado continuou protexendo o mercado, facilitando máis a entrada de capital estranxeiro. Durante o cuarto plan (1977-1981) o ritmo rompeuse. Gracias ás reformas realizadas polo goberno entre 1997-1998, en acordo co FMI (Fondo Monetario Internacional), a súa economía puido acadar unha maior flexibilidade e transparencia; o país abriuse ós investimentos estranxeiros, modernizou o mercado financeiro e formou unha comisión para as operacións bursátiles. A débeda externa en 1997 era de 143.370.000 $ USA, cunha axuda do exterior de 58.000.000 $ USA (1995). O consumo interno e a demanda empresarial permitiron superar a crise financeira de 1997, co que se rexistrou un crecemento do PIB do 10% en 1999 e dun 12,8% no 2000. As axudas económicas, especialmente de EE UU e Xapón, foron vitais para o seu desenvolvemento. Actualmente é un dos doce maiores estados comerciais do mundo. A inflación en 1998 era do 7,5%, cun PIB por habitante de 10.220 $ USA no mesmo ano. A poboación activa chega ós 23.005.000 (1998), dos que o 41% son homes. O desemprego alcanza o 6,7% da poboación (1998). A moeda oficial é o won surcoreano. Recursos e sectores de actividade O sector primario é o predominante tradicionalmente. Despois da Segunda Guerra Mundial leváronse a cabo programas de distribución de terras. As técnicas agrícolas evolucionaron xunto á aparición de novas industrias, ó mesmo tempo que a poboación activa na agricultura diminuía. A agricultura, de tipo intensivo e con pequenas explotacións, ten como principal cultivo o arroz. Tamén son importantes as sandías, as árbores froiteiras (peras e mandarinas), os tomates e as patacas. Desde finais de 1960, Corea do Sur converteuse nun dos estados máis importantes no sector pesqueiro, cunha moderna flota que alcanzaba as 2.417 embarcacións (1999). A partir da ampliación da zona económica exclusiva ás 200 millas actuais, a República de Corea mellorou en termos absolutos a súa posición no sector atlántico centroriental e no pacífico noroccidental, feito que lle permitiu un incremento da súa produción. Corea do Sur ocupou en 1995 o noveno posto mundial en canto a produción (1.688.387 t que supoñen o 2,57% do total mundial). Os portos de Ulsan e Masan desenvolvéronse como base da pesca de altura e contan con plantas procesadoras de peixe. O desenvolvemento industrial concentrouse nas industrias lixeiras, principalmente téxtiles e alimentarias. Sen embargo, desde 1970 afianzouse rapidamente a industria pesada para diminuír as importacións gracias, en parte, ós investimentos estranxeiros atraídos polas facilidades fiscais, crediticias e laborais. Destacan a siderurxia, a química de base, a fabricación de materiais de construción e a construción naval. Pouco a pouco foi cobrando maior importancia a fabricación de produtos químicos e fertilizantes. Outras industrias destacadas son as que producen automóbiles, equipos eléctricos e electrónicos, ferro, aceiro e cemento. A madeira e a explotación dos bosques teñen menos importancia. Entre os xacementos minerais destacan os de antracita e hulla. A enerxía eléctrica procede principalmente do petróleo importado e do carbón, así como a que se consegue grazas ás centrais nucleares. Comercio exterior O comercio exterior ten un signo positivo. O valor das exportacións de bens e servicios acadou en 1998 os 154.740.000 $ USA, dos que o 66,9% corresponden a produtos manufacturados. Pola súa parte, as importacións no mesmo ano chegaron ós 112.250.000 $ USA, dos que o 92,4% son produtos manufacturados. Os principais países cos que mantén relacións comerciais son Xapón, EE UU, Alemaña e Canadá. Transportes e comunicacións O transporte por estrada supera en importancia o ferrocarril. En 1997 Corea tiña 84.968 km de estradas, dos que 62.876 están asfaltados. Dispón de 6.580 km de vías férreas, das que 560 están electrificadas (1995). En canto ó transporte marítimo, dispón dunha mariña mercante formada por 2.417 unidades (1999). Os principais portos son Pusan, Inch’ōn e Kunsan. Xeografía humana
Demografía O crecemento da poboación é escaso (1% [1993-1998]) debido ó baixo índice de natalidade (14,5‰ [1997]), motivado pola política do goberno para reducir a poboación dende os anos sesenta. A mortalidade sitúase no 5,3% (1997) e a mortalidade infantil no 9% no mesmo ano. A esperanza de vida é de 70 anos para os homes e 77 para as mulleres (1997). Poboamento A poboación é eminentemente urbana (83,5% [1997]). Ten unha das maiores densidades de poboación do mundo con 468 h/km2. As áreas máis poboadas son as da costa meridional e oriental. Sufriu unha forte emigración de poboación cara a Xapón e EE UU. Os principais núcleos de poboación ademais da capital son: Inch’ōn (2.307.618 h [1995]), Pusan (3.813.814 h [1995]), Chōnju (563.153 h [1995]) e Taegu (2.449.139 h [1995]). Sociedade e goberno
Diversidade étnica, cultura e ensino Corea é un dos países con maior homoxeneidade étnica do mundo. No país non hai minorías linguísticas nin raciais. O ensino primario é obrigatorio e gratuíto entre os 6 e os 12 anos. O ensino secundario dura 6 anos, divididos en 3 de escola media e 3 de escola secundaria. A lingua oficial é o coreano. As relixións principales son a budista (23,3%), a protestante (20%), a católica (6,7%) e o confucianismo (0,4%). Desenvolvemento humano O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a República de Corea entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 31° posto cun índice do 0,854). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 72,6 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 97,5%; o índice bruto de escolaridade é do 90%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 13.478 $ USA. Goberno e política Dende 1910 estivo baixo soberanía xaponesa e, ó finalizar a Segunda Guerra Mundial (1945), foi ocupada polos EE UU. Acadou a súa independencia o 25 de agosto de 1948. Dende 1948 aprobáronse varias constitucións, a última foi adoptada o 25 de febreiro de 1988 e estableceu unha república de tipo presidencialista. O poder executivo corresponde ó presidente da República, elixido para un período de 5 anos por sufraxio universal directo; o primeiro ministro, nomeado polo presidente tralas eleccións lexislativas; e o Consello de Ministros, elixido polo presidente a partir dunha lista elaborada polo primeiro ministro. O poder lexislativo correspóndelle á Huk Hoe (‘Asemblea Nacional’), composta por 273 membros elixidos para un período de 4 anos, dos que 227 son elixidos por circunscricións electorais e 46 por representación proporcional. O sistema xudicial está baseado nunha combinación entre o dereito europeo, o dereito anglosaxón e o pensamento clásico chinés. O máximo tribunal de xustiza é a Corte Suprema, constituída por maxistrados designados polo presidente da República e ratificados pola Asemblea Nacional. Está en vigor a pena de morte, aínda que dende o ano 1998 non se consuma ningunha execución e no ano 2000 presentouse na Asemblea Nacional un proxecto de lei para a súa abolición. Segundo informes elaborados por Amnistía Internacional, a aprobación da Lei de Seguridade Nacional e o xeito en que se aplica, deron lugar á existencia de preto de 400 presos políticos, dos que no 2000 aínda permanecían retidos 99 (29 deles sindicalistas). A maioría dos presos políticos participaron en mobilizacións sindicais, pertencían a organizacións de esquerdas, eran obxectores de conciencia ou difundían a idea de estreitar relacións co “inimigo” (Corea do Norte). Ademais, segundo diversos informes, moitas desas persoas foron sistematicamente torturadas. Así mesmo, a Lei de Vixilancia Social atenta contra a liberdade das persoas en tanto que legaliza a vixilancia e control dos presos políticos trala súa liberación. Ratificou ou adheriuse ós seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; e Convención sobre os Dereitos do Neno. Así mesmo, no ano 2000 asinou o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional e o Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno, relativo á participación de menores nos conflitos armados. Os partidos políticos máis importantes son: Minju Dang (MD, Partido Democrático do Milenio), nome que no ano 2000 tomou o Sae Jungchi Kukmin Hoiee (SJKH, Congreso Nacional para unha Nova Política), partido de carácter centrista liberal liderado por Kim Dae-jung, presidente da República dende 1998. Jayu Minju Yonmaeng (JMY, Unión Democrática Liberal), conservador; liderado por Kim Jong-Pil, participa no goberno e a el pertence o primeiro ministro Lee Han Dong. O principal partido da oposición, maioritario na Asemblea Nacional, é o conservador Hannara Dang (HD, Gran Partido Nacional), liderado por Lee Hoi-chang. Administrativamente, o país divídese en 9 provincias (do) e 6 cidades (gwangyoksi) especiais (Inch’on, Kwangju, Pusan, Seúl, Taegu e Taejon). Mantén un litixio internacional con Xapón debido a que este país lle reclama as Rochas Liancourt e con Corea do Norte pola liña de demarcación ó redor do paralelo 38°. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Cooperación Económica Asio-Pacífica (APEC), ONU e Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Historia O 15 de agosto de 1945, finalizada a Segunda Guerra Mundial, os EE UU ocuparon os territorios peninsulares situados ó S da liña de demarcación establecida ó redor do paralelo 38° N e estableceron un goberno militar (12.9.1945); este goberno ignorou a existencia dun Consello Provisional para a Reconstrución da Nación (15.8.1945), que xa proclamara a República Popular de Corea o 6 de setembro de 1945, e suprimiuno o 12 de decembro de 1945. En 1946, logo do fracaso da Conferencia de Seúl entre EE UU e a URSS para tratar a posibilidade do establecemento dun goberno único, convocáronse unhas eleccións lexislativas supervisadas pola ONU e boicoteadas polos partidos de esquerdas. Logo dun período de interinidade (12.12.1946-20.5.1948), a nova Asemblea quedou constituída o 31 de maio de 1948. Os gobernos de Syngman Rhee e a II República O 15 de agosto de 1948 constituíuse a República de Corea, con capital en Seúl, e Syngman Rhee, antigo presidente da Asemblea de Corea, foi elixido primeiro presidente da nova República, despois dunhas eleccións supervisadas pola ONU e boicoteadas polos partidos de esquerdas. Rhee promulgou unha Constitución que, acompañada da represión sobre os grupos opositores, asegurou a súa permanencia no poder durante máis de dez anos. As tropas estranxeiras abandonaron o país en 1949, aínda que permaneceu un pequeno continxente norteamericano. En xuño de 1950, logo dun ataque das tropas norcoreanas sobre Corea do Sur, iniciouse a Guerra de Corea (1950-1953). Tralo armisticio de P’anmunjŏm (1953), o goberno de Syngman Rhee, reelixido en 1952, promoveu a sinatura dun pacto de defensa cos EE UU. Durante os anos da posguerra, o goberno de Seúl fixo fronte a unha crise provocada pola chegada de numerosos refuxiados procedentes de Corea do Norte e emprendeu un labor de reconstrución do país coa axuda norteamericana. Rhee resultou reelixido en 1952, 1956 e 1960 (despois de que o candidato da oposición falecera uns días antes); durante os seus gobernos reprimiu os intentos de sublevación promovidos dende Corea do Norte e levou a cabo unha redistribución das terras financiada polos EE UU, pero limitou as liberdades políticas do seu país. A fraude nas eleccións presidenciais de 1960 orixinou unha protesta nacional que o obrigou a dimitir (27.4.1960), e foi substituído por Huh Chung Tok ata a convocatoria dunhas novas eleccións. A ditadura de Park Chung-Hee Nos novos comicios foi elixido presidente Po Sun Yun, do Partido Democrático (PRD) e John M. Chang, tamén do PRD, foi designado primeiro ministro e xefe do goberno o 13 de agosto de 1960. Nese momento proclamouse unha nova Constitución na que as liberdades políticas continuaban limitadas como defensa contra os movementos comunistas alentados dende a República veciña. A partir de aí, J. M. Chang emprendeu unha campaña de reformas económicas para limitar o gasto, pero os resultados acadados foron mínimos. Ademais, tivo que enfrontarse tamén á inestabilidade política e á axitación popular, orixinadas polos movementos estudiantís, mentres a economía continuaba en crise. O 16 de maio de 1961 produciuse un golpe de Estado dirixido por unha xunta militar presidida polo xeneral Chan Yung. En xullo, o xeneral Park Chung-hee asumía o poder e instauraba un réxime autoritario. Nas eleccións presidenciais de 1963, Park Chung-hee impúxose por unha estreita marxe e proclamou a III República (17.12.1963). Decretou a lei marcial como resposta ás protestas contra as supostas fraudes e militarizou a vida política do país. Acadou a reelección de xeito fraudulento nos comicios de 1967, 1971 e 1972. Emprendeu reformas económicas, co asesoramento dos técnicos occidentais, que favoreceron a industralización de Corea do Sur a cambio da limitación do dereito de folga e da negociación colectiva, ademais de ampliar as xornadas laborais. O país acadou unha economía industrial saneada grazas ós investimentos de capital xaponés, pero con baixos salarios e coa pobreza dos agricultores do interior. Park aprobou unha nova Constitución en 1972 pola que establecía a IV República e na que ampliaba os poderes presidenciais e sancionaba a súa permanencia no cargo de xeito indefinido. Park Chung-hee foi asasinado polo director da Axencia Central de Intelixencia surcoreana Kim Jae Kiu (1979) e sucedeuno o primeiro ministro Choi Kyu-Hah. A nova ditadura de Chun Doo-hwan O xeneral Chun Doo-hwan fíxose co poder en 1980, reimplantou a lei marcial en maio dese ano e detivo o líder da oposición Kim Dae-jung. As protestas polas detencións de políticos da oposición orixinaron unha resposta desmedida dos militares, que tomaron de novo o poder. Chun Doo-hwan emprendeu entón unha campaña de depuración nos eidos da política, a prensa e a administración. En 1981 tentou lexitimar o seu goberno e despois de legalizar diversos partidos políticos e decretar unha amnistía, convocou uns comicios presidenciais dos que saíu gañador. En abril dese ano aprobouse unha nova Constitución que conservou numerosos elementos da anterior, aínda que definiu a existencia dun único mandato presidencial cunha duración de sete anos e que deu orixe á V República. Durante o seu réxime a oposición aumentou e, ante o temor ás represalias da comunidade internacional, introduciu reformas, como a limitación da censura, que contribuíron a mellorar a imaxe exterior do réxime. Ó mesmo tempo, as relacións entre ambas as dúas Coreas entraron nunha etapa de incipiente apertura dende mediados da década dos oitenta. As reclamacións dos traballadores esixindo o dereito a sindicarse e as protestas pola dureza das condicións laborais (1987), unidas ás presións dos movementos estudiantís, levaron á dimisión de Chun Doo-hwan en xullo de 1987. Foi substituído á fronte do partido polo seu colaborador Roh Tae-Woo, quen, preocupado pola imaxe internacional, permitiu unhas eleccións libres o 16 decembro de 1987. Malia que os grupos opositores recibiron a maioría dos votos, o seu fraccionamento permitiu que Roh Tae-Woo, líder do gobernamental Partido da Xustiza e Democracia, accedese de novo á presidencia. A recuperación da democracia Dende febreiro de 1988, e baixo a presidencia de Roh Tae-Woo, entrou en vigor unha nova Constitución, aprobada en referendo pola maioría da poboación, coa que se establecía o comezo da VI República. Despois das primeiras eleccións parlamentarias libres (1988), Roh constituíu o Jayu Minju Yonmaeng (JMY, Unión Democrática Liberal) en 1990, como resultado da fusión do Partido da Xustiza e Democracia con algúns dos grupos opositores. O presidente Roh Tae-Woo emprendeu un conxunto de reformas e revisións das normas non democráticas e devolveulles os seus dereitos civís ás persoas detidas por cargos políticos. No 1990 o seu goberno emprendeu unha ofensiva na que detivo a numerosos líderes dos activos sindicatos independentes, feito que orixinou protestas e unha importante caída da economía. Nas eleccións locais de marzo de 1991, malia as protestas dos estudiantes, o JMY acadou a maior parte dos postos; sen embargo, a dureza da represión provocou a dimisión do primeiro ministro Roh Jai Bong (22.5.1991). O presidente Roh favoreceu o diálogo entre ambas as dúas repúblicas, na procura da reunificación, e conseguiu que fosen admitidas na ONU en setembro de 1991. En decembro dese mesmo ano asinaron un acordo de reconciliación, non agresión e colaboración. Nas eleccións de decembro de 1992 foi elixido novo presidente da República Kim Young-sam, que formou un goberno mixto e emprendeu unha campaña na que pretendía depurar a administración pública e o exército dos elementos corruptos e totalitarios, pero non puido evitar que os escándalos salpicasen o seu contorno e a diversos grupos da oposición. A procura da normalización política levouno a buscar responsabilidades nos gobernos do réxime anterior, o que motivou a detención dos ex-presidentes Chun Doo-hwan e Roh Tae-woo, acusados de participar no golpe de estado que levou ó poder o primeiro deles. O goberno do presidente Kim emprendeu tamén un conxunto de reformas económicas que buscaban captar investimentos estranxeiros e favorecer a economía interna. As relacións con Corea do Norte –que acadaran un certo equilibrio trala morte do líder norcoreano Kim Il-sung (8.3.1994) e o acordo asinado entre os norcoreanos e os EE UU, polo que Corea do Sur proporcionaría tecnoloxía ós seus veciños– entraron nunha nova crise cos movementos de tropas norcoreanas na fronteira no 1996. O goberno de Kim Dae-jung: da crise económica á reconciliación da nación coreana A profunda crise económica que afectou a Asia oriental provocou a caída do seu modelo de desenvolvemento interno e a fraude do sistema bancario. A crise tivo tamén consecuencias políticas, xa que provocou a derrota de Kim Young-Sam, fronte a Kim Dae-jung, candidato do Sae Jungchi Kukmin Hoiee (SJKH, Congreso Nacional para unha Nova Política) e aliado co partido JMY, liderado por Kim Jong-Pil. O presidente Kim Dae-jung tentou realizar unha reforma constitucional para instaurar un réxime parlamentario e transmitir parte dos seus poderes ó primeiro ministro, pero fracasou polo bloqueo político que sufriu no Parlamento. Malia os numerosos conflitos cos traballadores e empresarios, os éxitos da súa política económica permitiron a recuperación da industria durante 1998 e 1999. O diálogo con Corea do N, que se mantiña bloqueado dende 1996, experimentou unha certa liberación despois da política de contactos e achegamentos emprendida polo presidente Kim Dae-jung con todas as nacións implicadas nesta situación: EE UU, Xapón, China e Rusia. Nas eleccións lexislativas do 13 de abril do ano 2000, o partido conservador Hannara Dang (HD, Gran Partido Nacional) acadou a maioría dos votos e o Minju Dang (MD, Partido Democrático do Milenio), froito da transformación do CNNP, conseguiu a segunda posición. O 13 de outubro de 2000 o presidente de Corea do Sur, Kim Dae-jung, recibiu o Premio Nobel da Paz polo seu traballo en favor da reunificación das dúas Coreas. En marzo de 2001 o presidente Kim Dae-jung emprendeu unha remodelación do seu goberno para facilitar as medidas de achegamento e reconciliación con Corea do Norte e, ó mesmo tempo, recuperar a popularidade perdida polas irregularidades económicas. |


© 2008 Ir Indo Edicións. Todos os dereitos reservados.
|
| |
| |
|
|
|