





|
| Atope a información que precise utilizando o buscador avanzado da EGU.ES, escriba a palabra que desexe e prema o botón ''Buscar'', a páxina encontrará toda a información contida nas máis de 200.000 entradas da EGU. Tamén poderá buscar partindo de entradas en portugués, castelán, inglés ou alemán picando debaixo do buscador no idioma correspondente. Graciñas.
. Facendo dobre click sobre calquera palabra da enciclopedia verá a súa definición mediante o digalego.com. | |
|
|
| aire  ( < lat aere) | |
| 1 | s m FÍS/QUÍM
| |
1 | Mestura de gases que forma a atmosfera
terrestre. Nas capas baixas da atmosfera, o aire perfectamente seco ten, a 0°C
e a 760 mm de presión, con variacións mínimas, a seguinte composición en
volume: nitróxeno 78,084%, osíxeno 20,946%, argon 0,934%, dióxido de carbono
0,033%, outros gases raros 0,002%. Os coñecementos esenciais sobre a natureza
do aire son debidos a Lavoisier, quen demostrou cos seus experimentos (1774)
que está formado por nitróxeno e osíxeno. A primeira determinación cuantitativa
correcta da proporción de osíxeno no aire foi efectuada a finais do s XVIII por
un químico catalán, Antoni Martí i Franquès, que atopou que a composición
volumétrica do aire atmosférico era de 79 partes de nitróxeno e 21 de osíxeno
(aire vital, na época), rectificando así os valores aceptados por outros
investigadores: Lavoisier, Priestley, Scheele, Senebier e Cavendish. A
presencia, no aire, de substancias inertes distintas do nitróxeno fora indicada
por unha experiencia de Cavendish (1785) e foi establecida dun modo preciso por
Rayleigh (1892). Isto levou ó descubrimento do argon, feito por William Ramsay
(1894), e seguidamente ó dos outros gases nobres, presentes no aire en moi
pequenas cantidades. Ademais das compoñentes fixas devanditas, e deixando tamén
de lado o vapor de auga, o aire das capas máis baixas da atmosfera contén
normalmente, en cantidades pequenas e moi variables, un gran número doutros
gases ou vapores, considerados como impuros, principalmente ozono, auga
osixenada, óxido de nitróxeno, amoníaco, óxido de carbono, hidróxeno,
hidrocarburos e compostos de xofre. Por outra parte, tamén hai normalmente
microorganismos e sólidos en forma de po. Malia ser o aire unha mestura de
composición non absolutamente fixa, debido á súa importancia práctica, as súas
propiedades físicas foron determinadas con moito tento. As propiedades do aire
como illante eléctrico varían moito segundo a densidade e a
temperatura. Dende o punto de vista químico contan sobre todo no aire as dúas
compoñentes principais. Non obstante, atendendo á súa relativa inercia química,
o papel do nitróxeno é sobre todo de moderador do osíxeno, polo que se pode
dicir que as propiedades químicas do aire son as do osíxeno, coa intensidade
que corresponde á súa presión parcial na mestura. É unicamente o osíxeno o que
intervén quimicamente na respiración das plantas e dos animais. Cómpre non
esquecer a importancia biolóxica do nitróxeno e do dióxido de carbono (fixación
do nitróxeno por microorganismos, fotosíntese das plantas verdes), nin tampouco
a importancia da presenza de vapor de auga. As aplicacións industriais do aire
poden clasificarse en cinco grupos: como comburente; as
aplicacións pneumáticas, é dicir, en forma de aire
comprimido; a utilización, por destilación fraccionada do aire líquido, en
tanto que fonte inesgotable e gratuíta das súas principais
compoñentes (nitróxeno e osíxeno) e tamén dos gases raros; a utilización na
industria química como oxidante, e o emprego, en forma
líquida, como refrixerante. O aire natural non é puro case
nunca: adoita acoller diversas substancias contaminantes. A polución
do aire por efecto do po, do fume, dos gases e similares pode ser
ocasionada por causas naturais (erupcións volcánicas, incendios forestais,
dispersión de pole e bacterias, po proveniente do espazo exterior, etc) ou ben
a consecuencia da actividade humana. As fontes máis importantes de polución son
a combustión de carbón e hidrocarburos, a incineración de refugallo, os
procesos industriais, o uso de praguicidas agrícolas e outros, que poden enviar
ó aire produtos sólidos –pós, fumes, cemento–, en parte formando aerosois;
gases –principalmente dióxido de carbono e de xofre, monóxido de carbono, óxido
nítrico, ácido sulfúrico–, e líquidos, xeralmente en estado de vapor. A
polución do aire é moi importante nas grandes aglomeracións urbanas, a
situación topográfica das cales facilita o estancamento do aire, por unha
inversión de temperaturas, e a polución dun día acumúlase á do anterior. Os
efectos económicos da polución do aire son importantes. Á parte das perdas por
enfermidade, cómpre ter en conta a diminución das colleitas, o baixo rendemento
de explotacións agropecuarias, a corrosión das estruturas metálicas e outros
efectos que comportan perdas considerables. SIN: ar |
| |
2 | Nome xenérico dado antigamente ós gases. Así,
o aire desfloxisticado ou aire vital era
o osíxeno; o aire fixo, o dióxido de carbono; o
aire inflamable, o hidróxeno; o aire
floxisticado, o nitróxeno; o aire inflamable das
marismas, o metano. SIN: ar |
|
| 2 | s m O aire como medio, por oposición á terra e á
auga. Ex:
O avión voa polo aire. |
| 3 | s m Aire en movemento, vento,
especialmente de pouca intensidade. SIN: ar, brisa Ex: Leva un xersei que vai algo de
aire! |
| 4 | s m
| |
1 | Apariencia, aspecto que posúe algo ou alguén
con respecto a outro elemento ou persoa. SIN: ar |
| |
2 | Actitude expresiva dunha calidade persoal ou
emoción. SIN: ar |
|
| 5 | mal do aire ETN/PAT Enfermidade que se contrae polo contacto con certos animais, especialmente os
réptiles, persoas e mesmo lugares como os cemiterios, segundo a medicina
popular galega. A debilidade, adelgazamento, inapetencia e raquitismo son
algúns dos seus síntomas, que se manifestan especialmente nos nenos. A terapia
adoita ser un ritual cheo de simbolismos onde o curandeiro desempeña o papel
máis importante. SIN: aireada, mal da Estadea, mal da sombra, tarangaño Ex:
O Xoán colleu un aire do sapo que pisou. |
| 6 | s m Estado de debilidade causado nunha persoa polo
mal de ollo. Ex:
Aquel malestar que tiña non estaba producido por unha enfermidade normal senón
que era do aire. |
| 7 | s m MÚS
| |
2 | Melodía, tema, canción. SIN: ar |
|
| 8 | ETN/AGR
| |
1 | aire do pinche Burato situado no pinche do hórreo por onde
entra a luz. |
| |
2 | aires/ventos Ocos situado nas paredes laterais do hórreo que lle serven de ventilación e
axudan a secar os produtos que hai dentro, como espigas ou mazarocas. |
|
| 9 | aire acondicionado TECNOL Aire que, tratado nun aparello ou instalación de acondicionamento do aire,
presenta as condicións higroscópicas, térmicas e de depuración axeitadas para
crear e manter nun local ou habitáculo un ambiente de características
predeterminadas. |
| 10 | aire complementario FISIOL Volume de reserva inspiratoria. |
| 11 | aire comprimido TECNOL Aire sometido, xeralmente mediante un compresor, a unha presión superior á
atmosférica. O incremento de enerxía que posúe o aire cando está comprimido é
aproveitable, ó se expandir, para obter un traballo mecánico ou producir unha
corrente de aire. O aire comprimido é fácil e económico de acumular e de
transportar e, polo tanto, pode ser usado a distancias considerables da fonte
da que provén (compresor, acumulador ou botella). Ten a vantaxe, diante dos
outros axentes de transmisión de enerxía (auga, vapor, electricidade e outros),
de que a atmosfera asimila facilmente a enerxía excedente e non hai que
recuperar o aire de saída. A aplicación, a grande escala, da enerxía do aire
comprimido non foi introducida ata a segunda metade do s XIX, cando foi
utilizada como fluído motor das locomotoras e perforadoras na construción dos
túneles de Mont-Cenis (1861-1871) e Sankt Gotthard (1872-1882) nos Alpes. A
construción de compresores movidos por vapor permitiu, arredor do período de 1885-1890,
a creación de grandes centrais de aire comprimido (Birmingham, París,
Edimburgo, Dresden) que o distribuían por rede de tubos ás diversas fábricas da
localidade. Máis tarde, os pequenos compresores, accionados con motores
eléctricos ou endotérmicos, permitiron a rápida difusión do uso do aire
comprimido. O aire comprimido utilízase nunha gran variedade de procesos
fundamentais na industria. Así, vehicula materiais nos procesos de manutención
pneumática; é o medio de impulsión de cartuchos para o transporte de
correspondencia e de obxectos pequenos; é o fluído motor das ferramentas e dos
motores pneumáticos, dos circuítos de comando e de control e dos elevadores
pneumáticos; crea balóns de aire para o soporte de vehículos e a suxeición dos
aerodeslizadores; proporciona ventilación forzada ás minas e a outros espacios
pechados; axita líquidos por burbullación, etc. O aire comprimido tamén se
utiliza en certos acumuladores de enerxía (acumulador de aire comprimido). Os
motores de aire comprimido teñen poucas pezas móbiles, son lixeiros,
autorrefrixerantes e non producen chispeos. A súa lixeireza fainos tamén moi
útiles para accionaren aparellos nas cadeas de montaxe. |
| 12 | aire de combustión TRANSP Nos motores de reacción, parte do aire aspirado, consumido na combustión. |
| 13 | aire de reserva FISIOL Volume máximo que se pode expulsar despois dunha expiración normal; o valor
medio no home é de 1.500 cm3. |
| 14 | aire diluente TRANSP Nos motores de reacción, parte do aire aspirado que reduce a temperatura da
combustión na entrada da turbina. |
| 15 | aire do espazo morto FISIOL Aire que queda nas vías respiratorias, é
dicir, na cavidade naso-farínxea, na tráquea e nos bronquios. Non se pon en
contacto co epitelio do pulmón nin intervén nos intercambios gasosos. |
| 16 | aire enrarecido Aire
que, por falta de ventilación nas galerías dunha mina, empobreceu en osíxeno e
cargouse de dióxido de carbono e doutros gases. |
| 17 | aire húmido METEOR Aire cunha humidade relativa moi elevada, que se condensa doadamente. |
| 18 | aire líquido QUÍM/IND Aire que, como resultado dunha serie de compresións, expansións e enfriamentos,
pasou ó estado líquido. O aire líquido está a unha temperatura de –190°C e é
conservado e transportado en vasos de Dewar. A súa
fabricación industrial foi iniciada no ano 1898 en Alemaña por Karl Linde. No
aparello de Linde, o aire é comprimido, arrefecido e expansionado ciclicamente
ata chegar a unha temperatura moi baixa, de xeito que, ó ser expansionado ata a
presión atmosférica é capaz de baixar a súa temperatura de ebulición (–190°C).
O aparello de Linde foi perfeccionado por Claude (1906) ó facer que unha parte
do aire comprimido se expansionase producindo traballo, co cal arrefece aínda
máis, obtense maior produción e recupérase enerxía. A principal aplicación do
aire líquido é a obtención de osíxeno e subsidiariamente de gases nobres e de
nitróxeno, por destilación fraccionada. Ademais, utilízase como refrixerante. |
| 19 | aire residual FISIOL Volume de aire que queda nos pulmóns despois
de realizar unha expiración máxima; tamén se denomina volume residual. |
| 20 | aire respiratorio FISIOL Volume de aire que entra e sae dos pulmóns nunha repiración normal, non
forzada. |
| 21 | aire saturado METEOR Aire que contén toda a cantidade de vapor de
auga que pode conter coa súa temperatura. |
| 22 | aire seco METEOR Aire que, cando a súa temperatura é moi superior á do punto de xeada, se
comporta fisicamente como seco, aínda que conteña vapor de auga. |
| 23 | aire suplementario FISIOL Volume de aire de reserva que queda despois de realizar unha expiración normal
e que se pode expulsar cunha expiración forzada. |
| 24 | bolsas de aire Termo anticuado, conservado na linguaxe popular, para indicar unha turbulencia
térmica ou dinámica. |
| 25 | METEOR
| |
1 | masa de aire Grande extensión de aire que cobre unha área mínima de centenares de miles de
km2 na cal as propiedades físicas do aire, temperatura e
humidade principalmente, varían pouco en sentido horizontal. As carácterísticas
da masa de aire dependen da superficie (terrestre) sobre a que se sitúan,
denominadas áreas mananciais. Os contactos entre distintas masas de aire dan
lugar á aparición de frontes. As masas de aire clasifícanse pola súa temperatura
e zona de orixe (podendo ser ártica, polar, tropical ou ecuatorial) e segundo o
seu grao de humidade, marítimas ou continentais. As principais masas de aire
que se alternan nas situacións atmosféricas que afectan a Galicia son a
tropical marítima e a polar marítima. |
| |
2 | masa de aire antártico Masa
de aire que se forma sobre a Antártida, de características semellantes ás do
aire ártico, aínda que cunha temperatura e cunha húmidade máis baixas cás
deste. |
| |
3 | masa de aire ártico Masa de aire que se forma sobre o océano
Ártico e os mares e estreitos circundantes. No inverno a masa é extremamente
fría e relativamente seca; no verán dá unha temperatura de arredor dos 0°C e é
moi húmida. |
| |
4 | masa de aire ecuatorial Masa de aire moi cálido e húmido caracterizada
por unha forte ascendencia vertical que provoca intensas chuvias. Orixínase no
cinto ecuatorial, limitado tanto ó norte como ó sur por unhas liñas que oscilan
entre os paralelos 10° e 20° en ambos hemisferios. |
| |
5 | masa de aire polar continental Masa de aire extremadamente frío e seco, caracterizada por unha temperatura moi
baixa a rentes do chan, que crece coa altura ata uns 1.000 ou 1.500 m.
Orixínase no inverno sobre as masas continentais de América do Norte e de Asia
ata o paralelo 40°N aproximadamente e, no verán, a rexión fonte redúcese ata
traspasar o paralelo 50°N. |
| |
6 | masa de aire polar marítimo Masa de aire frío e relativamente húmido,
formada nas altas latitudes dos océanos Atlántico e Pacífico, tanto no hemisferio
boreal como no hemisferio austral. |
| |
7 | masa de aire tropical continental Masa de aire cálido e seco, orixinada no
inverno sobre a parte de África situada ó norte da latitude 10°N e que no verán
se estende por Europa central, Arabia e incluso chega a Asia central; a rexión
sur-occidental de América do Norte tamén forma parte da súa fonte durante o
verán. |
| |
8 | masa de aire tropical marítimo Masa de aire cálido e húmido que se forma
sobre os anticiclóns permanentes do Atlántico e do Pacífico.
|
|
|
|
|
Fraseoloxia:
|
Cambiar/mudar de aires. Trasladarse a outro lugar temporal ou definitivamente. Ex: Para deixar a súa adicción á droga tivo que cambiar de aires e buscar novos amigos. Collelas /pescalas/pillalas no aire. Comprender facilmente. Ex: Non se lle escapa ningunha, sempre as colle no aire. Darlle un aire. Ter un ataque de parálise. Darse aires. Ser moi fachendoso. Ex: Aínda que é un ninguén, dáse aires de nobre a acapara todas as portadas das revistas. De bo aire. Que está de bo humor. De mal aire. Que está de mal humor. Estar no aire. Estar pendente de resolución ou estar nunha situación insegura. Ex: A visita do alcalde á nosa parroquia aínda está no aire. A aceptación deste produto no mercado está no aire. Ficar/quedar no aire. Que está á espera de resposta. Ex: A pregunta do mestre quedou no aire para quen a quixera responder. Golpe de aire. Aire en movemento, vento. Matalas no aire. Ser noi rápido e agudo nas respostas. Ex: É un cativo moi espelido sempre as mata no aire. Nun aire. De seguida, agora mesmo. Ex: A solución a ese problema matemático doucha eu nun aire. Ó aire libre. Nun espazo libre e aberto. Ter un aire. Ter un parecido, unha semellanza. Tomar o aire. Saír a dar unha volta.
. |


© 2008 Ir Indo Edicións. Todos os dereitos reservados.
|
| | 
 Compresor industrial para a produción e almacenamento de aire comprimido


O Son do Ar, Fragmento da película Un Bosque de Músicas (2003)
|
|