





|
| Atope a información que precise utilizando o buscador avanzado da EGU.ES, escriba a palabra que desexe e prema o botón ''Buscar'', a páxina encontrará toda a información contida nas máis de 200.000 entradas da EGU. Tamén poderá buscar partindo de entradas en portugués, castelán, inglés ou alemán picando debaixo do buscador no idioma correspondente. Graciñas.
. Facendo dobre click sobre calquera palabra da enciclopedia verá a súa definición mediante o digalego.com. | |
|
|
| 1gaita  (< xerm gaits ‘cabra’) |     port: gaita     cast: gaita     ingl: bagpipe, pipe |
| 1 | s f MÚS Instrumento aerófono que na súa forma máis simple está constituído por un tubo
melódico, chamado punteiro, unido a un pequeno saco no que se almacena o aire,
chamado fol. O aire introdúcese por un pequeno tubo, chamado soprete. O fol
pode elaborarse de distintos materiais; os máis empregados son a pel de
cabrito, o coiro, o caucho ou distintos tecidos sintéticos, como o
goretex. A gaita é un instrumento destacado da música
tradicional galega, que foi evolucionando desde a forma máis primitiva (fol,
soprete e punteiro). Así, na Idade Media, incorporáronselle distintos bordóns
que melloraban a musicalidade do instrumento. O primeiro que se incorporou foi
un bordón que proporcionaba un baixo continuo, chamado ronco ou roncón. O ronco
emite a nota tónica do punteiro da gaita pero dúas oitavas máis baixa. O son do
ronco prodúcese ó pasar o aire a través dunha lingüeta de cana ou doutros
materiais situada no interior da súa base, chamada pallón. Posteriormente, uníuselle
outro bordón, máis pequeno ca o ronco, chamado ronquillo ou ronquete. O ronquillo
emite a nota dominante do punteiro, pero unha oitava máis baixa. O son
prodúcese do mesmo xeito ca no ronco, aínda que o tamaño do pallón é menor.
Finalmente, incorporóuselle o chión, que é o bordón máis pequeno de todos. A
finalidade do chión é a de completar, en certo modo, o acorde da tonalidade da
gaita, xa que emite a quinta ascendente do punteiro na mesma oitava. Este é un
bordón difícil de afinar, debido a que o son se produce cando o aire pasa a
través dunha dobre lingüeta de cana, chamada palleta, igual á do punteiro.
Incorporouse nos ss XVIII e XIX e os gaiteiros empregábano nas festas e
romarías para que dese a sensación de que había dúas gaitas tocando, polo son parecido
das dúas palletas. Unha vez afinadas as distintas partes da gaita o son debe
ser uniforme, feito que se consegue co chamado tempero, que é a cantidade xusta
de aire que necesita a palleta do punteiro para non variar a nota. O tempero
mestura a presión do brazo no fol coa introdución de aire no mesmo a través do
soprete, que posúe unha válvula (zapón) que non deixa regresar o aire expulsado
á boca. A historia da gaita galega podería remontarse ós tempos das culturas
mesopotámicas, como resposta á necesidade musical de prolongar o son das
frautas e así evitar as interrupcións para coller aire. Deste xeito, a
incorporación do pelexo dun animal como depósito suplementario de aire debeu
ser un feito moi rapidamente asumido e espallado por toda Mesopotamia e tamén
polos pobos cos que tiñan relación. Dentro destes pobos estaban os gregos, que
coñecían este instrumento co nome de askaulós. A primeira
referencia que se coñece da gaita na Grecia antiga é de Aristófanes, quen na
súa comedia Os Arcanianos fala dunha gaita de pel de can e
tubos de oso. Esta referencia pódese constatar en Malta, antiga colonia grega,
onde a finais do s XX aínda se utilizaba o pelexo dun can para facer o fol da
gaita tradicional. O pobo romano tamén adoptou a gaita. Distintas fontes falan
dun instrumento que empregaba o pelexo dun animal amodo de fol chamado
tibia utricularis. Suetonio, nunha das súas obras, comenta
que o mesmo emperador Nerón era un bo intérprete de
utricularium e incluso mandara cuñar unha moeda que
reproducía o instrumento. Tamén utilizaban a gaita as tropas romanas como
instrumento marcial, uso que se consolidou en diversos pobos atlánticos. Foron
os romanos, sen dúbida, os que espallaron este instrumento de forma definitiva
a través dos territorios conquistados. Durante moitos anos existiu a teoría de
que foran os pobos celtas os que levaran este instrumento a todos os
territorios da fachada atlántica nos que se asentaron. Pero esta teoría, hoxe
desbotada, carece de crédito, xa que non explicaría a presenza deste
intrumento en zonas ás que non chegaron os celtas. O que si fixeron estes pobos
foi potenciar o instrumento dun xeito destacado e por iso tivo un
desenvolvemento tan claro nas culturas atlánticas. A ocupación e o dominio dos
romanos en toda Europa e o norte de África explicaría a presenza constatada
deste instrumento en países tan afastados como Tunisia, Ucraína ou Escocia, por
poñer tres exemplos. Para Faustino Santalices, a gaita penetrou na Península
Ibérica pola zona norte e noroeste, da man dos suevos, que fixeran dela o seu
instrumento máis característico. Hai estudiosos que afirman que a gaita se
popularizou na época sueva grazas ós músicos itinerantes que se movían polos
distintos pazos e castelos. A gaita na Idade Media acadou un gran
desenvolvemento musical, como proban as miniaturas das Cantigas de
Santa María que mostran diversos modelos. Foi nesta época, e así o
mostra especialmente a miniatura 350 da obra de Afonso X O
Sabio, cando á gaita se lle uniron diversos bordóns que dotaban ó
instrumento de polifonía. Estas representacións de gaiteiros cortesáns e gaitas
moi traballadas e sofisticadas confirman o prestixio e perfección que acadaron
durante un longo período da época medieval. Ó mesmo tempo, sábese que os monxes
bieitos empregaban a gaita para acompañar os seus oficios relixiosos ata que
foi desprazada polo órgano. Este costume mantívose durante máis tempo noutras
zonas cristiás de Europa, e en Bretaña, por exemplo, a gaita e a bombarda
conviviron co órgano nos oficios relixiosos ata o mesmo s XX. O Camiño de
Santiago foi outro dos elementos que contribuíu de forma decisiva á
implantación da gaita en Galicia e serviu de vía de introdución noutros
territorios. Posteriormente, a gaita caeu nunha época de decadencia que
provocou un certo desprestixio do instrumento. Deste xeito, pasou a ser un
elemento máis das manifestacións musicais do pobo, que o fixo seu, e que o
incorporou a moitas das súas manifestacións culturais. Así, a gaita está
presente en danzas, como as de espadas ou procesionais, fiadas, romarías, etc.
A figura do gaiteiro ou o dúo formado polo gaiteiro e o tamborileiro foi común
en moitos cabidos eclesiásticos e gremios, que os contrataban de forma
permanente ou ocasional para as festas litúrxicas ou civís máis destacadas e
solemnes. Ata principios do s XX a catedral de Santiago de Compostela tiña un
gaiteiro e un tamborileiro oficiais que vivían exclusivamente do seu servizo á
catedral. Outros moitos gaiteiros eran contratados ocasionalmente para ir tocar
ás festas e romarías das vilas. Estes gaiteiros solistas, que en moitos casos
tiñan unha técnica musical moi depurada (tocar pechado), fixéronse moi
populares a finais do s XIX e principios do s XX, ata o punto de ser os
protagonistas de poemas e narracións dos máis famosos escritores galegos.
Avelino Cachafeiro, Perfecto Feijoo, Manuel Castro González, máis coñecido como
o gaiteiro de Penalta, Xan Tilve Castro, coñecido como
Xan de Campañó, Manuel Villanueva de Poio, Xosé Antón de
Breixo, Faustino Santalices ou Constantino Bellón son algúns dos máis
destacados gaiteiros solistas galegos que acadaron sona incluso no continente
americano. A aparición a finais do s XIX de conxuntos folclóricos e agrupacións
corais supuxo o inicio da recuperación da gaita como instrumento destacado
dentro do panorama musical galego. Formacións como Aires da Terra ou o coro
Toxos e Froles foron os iniciadores dun modelo de conxunto musical galego que
se desenvolveu ata chegar, a finais do s XX, á creación das bandas de gaitas,
axudadas polas experiencias doutras zonas como Bretaña ou Escocia. Xa a
mediados do s XX apareceu outra xeración de grandes gaiteiros solistas que
revolucionaron o mundo da gaita coas súas composicións e as súas técnicas interpretativas.
Os máis coñecidos foron Ricardo Portela e Nazario González Iglesias, coñecido
como Moxenas, que foron mestres, á súa vez, doutros grandes
gaiteiros. Ó igual que os outros gaiteiros solistas mencionados anteriormente,
estes últimos tamén foron grandes compositores de temas para gaita de tipo
tradicional (muiñeiras, pasacorredoiras, xotas, etc.) e ritmos máis recentes
pero de igual gusto popular (rumbas, valses, polcas, mazurcas, etc). Con eles
chegouse á “explosión” musical da gaita que se produciu a partir dos últimos
anos do s XX. Un dos feitos destacados desta renovación definitiva foi a
creación do Grupo Didáctico do Obradoiro-Escola de Gaitas e Zanfonas da
Universidade Popular do Concello de Vigo, da man do artesán Antón Corral. Neste
centro formouse un grupo de grandes músicos e do que saíron importantes
gaiteiros como Carlos Núñez ou Anxo Lois Pintos. A investigación que
desenvolveu Antón Corral e o seu grupo arredor da gaita e das sús posibilidades
musicais e harmónicas permitiu a creación do septiminio de gaitas. Isto supuxo
a elaboración de gaitas en distintas tonalidades de forma que puidesen
complementarse e tocar xuntas. O septiminio está composto por: gaita aguda en
fa, grileira en re, redonda en do, tumbal en la, barítona en sol, ronquilla en
sol e ronca en do. Deste xeito, tentouse abrir unha nova vía musical para a
gaita coa intención de que puidese ofrecer máis posibilidades harmónicas e
incluso puidese encaixar nun conxunto sinfónico. Tradicionalmente, houbo tres
tonalidades fundamentais para a gaita: tumbal (si bemol), redonda (do) e
grileira (re). As máis empregadas foron a tumbal e a redonda, que foi a que se
impuxo finalmente. A finais do s XIX a gaita tumbal tivo moita sona debido a
que a súa tonalidade baixa conectaba mellor coas voces das agrupacións corais
que tanto proliferaban na época. A gaita redonda, afinada en do, permitía
pequenos matices na súa afinación, e así se distinguía unha gaita en “do
brillante” fronte á gaita redonda en “do natural”. A gaita grileira tivo pouco
éxito e só se comezou a construír de forma continuada a finais do s XX. As
gaitas, ata finais do s XX, facíanse de forma totalmente artesanal en
obradoiros familiares espallados por toda a xeografía galega. A mediados e
finais do s XX, os obradoiros fóronse profesionalizando baixo a dirección de
construtores de gaitas moi recoñecidos. Entre os máis prestixiosos destacan
Basilio Carril, Xosé Manuel Seivane e Antón Corral. Moitas foron as innovacións
que introduciron na gaita estes e outros construtores, como a incorporación de
diversos materiais para facer o fol da gaita, como o caucho ou o coiro
acharolado. Tamén revolucionaron o timbre da gaita ó experimentar con madeiras
de distintas sonoridades. Así, as madeiras exóticas cobraron forza na fabricación
de gaitas debido á súa calidade, estética e son. Algunhas das madeiras máis
empregadas para a construción de gaitas son, xunto co tradicional buxo, o
granadillo, o ébano, o cocobolo ou o pau rosa. A innovación chegou tamén ás
compoñentes sonoras da gaita (pallóns e palletas), que cambiaron a cana polo
plástico e o metal. Deste xeito comezáronse a facer palletas de plástico e os
chamados “pallóns de bolígrafo”, que permiten unha afinación máis perfecta e
con menor variación ca os de cana. Tamén a técnica na dixitación da gaita sufriu
melloras e innovacións. Os intérpretes incorporaron recursos técnicos propios
doutros países, como Escocia, ata formar unha serie de ornamentos moi
elaborados, entre os que cómpre mencionar os picados ou mordentes dobres e
triples. A recuperación da gaita en Galicia foi un feito progresivo que contou
con figuras destacadas ó longo dos últimos anos. A proliferación de bandas de
gaitas, grupos folclóricos e todo tipo de formacións que experimentaron coa
fusión musical a finais do s XX e principios do s XXI, posibilitou o acceso da
gaita a terreos descoñecidos ata ese momento. Gaiteiros solistas como Carlos
Núñez, Anxo Lois Pintos, Xosé Manuel Budiño ou Susana Seivane conforman a máis
recente representación da cultura da gaita en Galicia. |
| 2 | s f Órgano xenital masculino. SIN: billote, caralla, carallo, minga, miñoca, nabo, pene, picha, pirola, pito, pixa, verga, vergallo |
| 3 | s
| |
1 | Termo do barallete, xerga dos afiadores e paraugueiros, que corresponde á voz ‘sopa’. |
| |
2 | Termo da xerga das palilleiras que designa un
‘pao pequeno co corpo liso e forma de tronco de cono, xeralmente elaborado en
madeira de buxo’. |
| |
3 | FRAS: A gaita quere gaiteiro/é para o gaiteiro. Cada un debe facer o que sabe. Andar/vir con gaitas. Enfastiar. pl Termo
do barallete, xerga dos afiadores e paraugueiros, que corresponde á voz ‘papas’. |
|
|
|
|
Fraseoloxia:
|
A gaita quere gaiteiro/é para o gaiteiro. Cada un debe facer o que sabe. Andar/vir con gaitas. Enfastiar. Ex: Non veñas con gaitas que agora teño moito traballo. Non estar para gaitas. Non estar algo ou alguén para bromas. Ex: Non estou para gaitas, así que pensa o que vas dicir. Ser unha gaita. Ser algo molesto ou dificultoso. Ex: É unha gaita ter que facerlle ese favor. Tocar a gaita. Molestar a alguén. Ex: Non sei quén virá tocar a gaita a estas horas.
. |


© 2008 Ir Indo Edicións. Todos os dereitos reservados.
|
| | 
 Banda de gaitas Xarabal, do Concello de Vigo
 gaita
 gaita de barquín, nunha fotografía de Pedro Ferrer
 Esquema da gaita


Animación dunha gaita.
|
|