





|
| Atope a información que precise utilizando o buscador avanzado da EGU.ES, escriba a palabra que desexe e prema o botón ''Buscar'', a páxina encontrará toda a información contida nas máis de 200.000 entradas da EGU. Tamén poderá buscar partindo de entradas en portugués, castelán, inglés ou alemán picando debaixo do buscador no idioma correspondente. Graciñas.
. Facendo dobre click sobre calquera palabra da enciclopedia verá a súa definición mediante o digalego.com. | |
|
|
| hórreo  (< lat horrĕu) |     port: espigueiro     cast:hórreo     ingl: granary |
| 1 | s m ETN Construción destinada a secar e gardar o millo. A súa estrutura está composta
por unha cámara de forma rectangular ou cuadrangular, elevada sobre un
determinado número de parellas de columnas ou pés dereitos que son os soportes
máis xeneralizados, construídos en pedra e con diferentes formas como a
troncopiramidal. A cámara tamén pode estar sobre cepas, muros transversais que
teñen a mesma anchura que aquela e están feitas de cachotería ou cantería, ou
ben pode estar sobre celeiros que, xeralmente, son catro muros de cachotería ou
cantería que cerran o espazo situado debaixo da cámara, formando un espacio
dedicado a almacenamento. Os soportes adoitan ter unha altura entre 80 e 150 cm
e o número de parellas depende da lonxitude do hórreo. Estes soportes na súa
parte superior rematan nunhas pezas, os tornarratos, de forma circular,
destinadas a impedir o acceso dos roedores. O piso da cámara está formado por
grosos taboleiros ou lousas de granito. A estrutura de cerramento é un
esqueleto armado cun número de columnas case igual ó de pés ou de cepas. Estas
columnas únense na parte inferior por un conxunto de pedras chamadas soleiras,
e na superior polos linteis chamados padieiras, onde descansa a cuberta. Os
costais son o elemento máis delicado, pois teñen a función de conseguir unha
ventilación axeitada. O aire pasa a través destas paredes de diferentes
maneiras, segundo o material empregado. A entrada á cámara faise mediante unha
porta situada nos costados ou na fronte. O tellado é, xeralmente, a dúas augas
e levan pechados os triángulos frontal e traseiro. Ármase como os das casas con
tella ou colmo. Ás veces a cuberta voa polos laterais e pode aparecer protexida
por unhas lousas de granito colocadas sobre a prolongación do pinche,
denominadas sobrepenas. Os remates do tellado adoitan presentar formas moi
variadas; predominan, sobre todo, as cruces e os pináculos ou bicos. A cruz,
que é o ornamento máis estendido, pode ser moi sinxela ou levar moitos adornos.
Este semella ser un elemento simbólico que vén representar a fartura e a
fecundidade da xente da aldea. En canto á tipoloxía do hórreo, pódense
distinguir tres variantes: o de planta redonda, cadrada e rectangular; e,
segundo os materiais empregados para a súa construción, encóntrase o cabaceiro
de planta redonda e realizado con varas entretecidas de carballo, vimbio ou
salgueiro, e cunha configuración semellante á dos cestos; o de madeira, o máis
estendido; os mixtos, de pedra e madeira e os de pedra, que abranguen
maioritariamente as zonas costeiras debido ás condicións climatolóxicas,
especialmente a humidade. A orixe da construción en xeral é probable que se
remonte xa ós habitantes dos castros, e que fose empregado como secadoiro do
paínzo. A forma do hórreo varía dunhas comarcas a outras e recibe moitas
denominacións en función da área xeográfica onde se asenta e dos materiais cos
que está construído. OBS: Dependendo da zona pode recibir diferentes
denominacións, como cabaceiro, cabaceira,
cabazo, cabeceira,
cabás, caustra,
canastro, caroceiro,
canizo, celeiro,
graneiro, palleira,
piorno, sequeiro ou
bergueiro. |
| 2 | s m ARQUIT Almacén ou graneiro, da casa romana, realizado xeralmente con grandes
compartimentos ou nichos situados ás beiras dun corredor. |
|
|

Achegas dos usuarios da egu.es
Antón Pereiro mandou o seguinte comentario: Hórreos en Ponte Ambía en Baños de Molgas. o día 25/08/2008 as 12:13 horas. |  |
Sergin Castanheira mandou o seguinte comentario: Vello Hórreo en Raso, Cée. o día 29/10/2008 as 00:09 horas. |  |
Sergin Castanheira mandou o seguinte comentario: Hórreo en O Busto. o día 29/10/2008 as 00:14 horas. |  |

© 2008 Ir Indo Edicións. Todos os dereitos reservados.
|
| | 
 Hórreo de pedra.
 Foto de Hórreo cabezado.
 Hórreo en combarro.
 hórreo tradicional na Pastoriza
 Vista dun hórreo en Arzúa
 Hórreo en Santa Eufemia, Baños de Molgas
 Hórreo en Santa Eufemia, Baños de Molgas


Animación dun hórreo.
|
|