





|
| Atope a información que precise utilizando o buscador avanzado da EGU.ES, escriba a palabra que desexe e prema o botón ''Buscar'', a páxina encontrará toda a información contida nas máis de 200.000 entradas da EGU. Tamén poderá buscar partindo de entradas en portugués, castelán, inglés ou alemán picando debaixo do buscador no idioma correspondente. Graciñas.
. Facendo dobre click sobre calquera palabra da enciclopedia verá a súa definición mediante o digalego.com. | |
|
|
| animal  (< lat animāle) | |
| 1 | BIOL
| |
1 | s m Ser vivo eucariótico,
pluricelular e heterótrofo por inxestión. Adoitan ter un aparato locomotor e un
plexo ou sistema nervioso intimamente relacionado coa capacidade de movemento e
cos órganos dos sentidos ou relación. Este sistema integra os estímulos
procedentes do exterior e o control que el mesmo exerce sobre o resto do
organismo, co que quedan establecidas relacións de causa-efecto, posibilitadas
respostas reflexas e retidas experiencias vividas ( etoloxía, psicoloxía). Os
animais presentan unha gran complexidade de tecidos, órganos, aparatos e
sistemas e as súas células son moi diferentes en cada caso. Neles é bastante
corrente a reprodución sexual. Tamén denominados metazoos,
presentan un grao de organización máis complexa fronte ós protozoos (coñecidos
tradicionalmente como “animais unicelulares”). Poden ser
diploblásticos ou triploblásticos segundo
se constitúan a partir de dúas follas embrionarias ou tres. Os primeiros
(poríferos, cnidarios, ctenóforos) presentan un sistema nervioso moi primitivo.
Os animais triploblásticos, segundo como se organice o seu mesodermo, poden ser
acelomados ou celomados. Os celomados
distínguense en protóstomos ou
deuteróstomos, segundo como evolucione o blastoporo da
gástrula. Os deuteróstomos epineuros presentan centros nerviosos localizados en
posición dorsal respecto do tubo dixestivo e un eixo esquelético dorsal, o
notocordio. Todos pertencen ó grupo dos cordados: urocordados, cefalocordados e
vertebrados. Dentro dos vertebrados distínguense agnatos, peixes, anfibios,
réptiles, mamíferos e aves. O home como mamífero, pertence ó grupo dos
primates. |
| |
2 | reino animal Un dos dous reinos, xunto co vexetal, nos que se clasificou os seres vivos
dende Aristóteles ata o s XIX. Esta división foi substituída na actualidade por
unha clasificación en cinco reinos distintos (animal, planta, protista, moneras
e fungos). Os protozoos, aínda que pertencen ó reino protista, estúdianse
tradicionalmente pola zooloxía ó compartiren características comúns cos
animais. |
|
| 2 | s m En oposición a home,
calquera dos outros animais. Ex:
Na selva amazónica viven moitos animais salvaxes. |
| 3 | adx Relativo ou pertencente ós animais, procedente
dos animais. Ex:
A graxa animal é unha substancia prexudicial para a saúde. O seu instinto
animal levouno a defender os seus lobetos. |
| 4 | adx e s Que se comporta de maneira groseira, ruda,
intratable ou que actúa con pouco raciocinio. Ex: Se trata así á xente é que está feito
un animal. |
| 5 | adx e s Que se comporta de maneira agresiva facendo un
uso irracional da súa forza. |
| 6 | FILOS
| |
1 | animal irracional Denominación empregada para referirnos a
calquera animal non humano. Foi Aristóteles, no s IV a C, quen nas súas obras
biolóxicas (Das partes dos animais, Da xeración dos
animais, Sobre a alma, etc) estableceu por primeira
vez unha división das especies baseaba nas capacidades psíquicas dos animais,
reservándose para o Home a posesión da alma e, polo tanto, a súa superioridade
na “Scala Naturae”. Esta primeira división entre animal racional e animal
irracional, que se estableceu baixo presupostos extracientíficos, influíu no
Dereito e noutros eidos filosóficos (Ética e Moral) e científicos (Etoloxía e
Psicoloxía). O animal ten, xuridicamente, a consideración de
cousa e nalgúns aspectos é obxecto de regulación específica.
Na actualidade, unha corrente filosófica rexeita esta consideración xurídica e
esixe o recoñecemento dos dereitos dos animais; quizais a campaña mundial máis
coñecida que están a realizar é o Proxecto Gran Simio, na procura do
recoñecemento dunha comunidade de iguais co resto dos Homínidos e, polo tanto,
da condición de suxeitos de dereito. Así mesmo, esa inicial división entre
racional (posuidor de alma) e irracional determinou que durante moitos anos non
se realizasen estudios orientados a coñecer a psicoloxía dos animais; sen embargo,
esta tendencia está a modificarse tanto no eido dos primates (Sabater Pi,
Godall, etc) como dos demais animais. Por consecuencia destas novas
investigacións, as teorías sobre a ética e a moral están a ser revisadas co
obxectivo declarado de situar o Home na súa nova praza no universo. Por último,
o animal foi símbolo e inspiración da mitoloxía e da relixión. A preocupación
por reproducir as figuras de certos animais maniféstase na pintura e na
escultura que se vai atopando do Paleolítico. A arte de Exipto, de Asiria e de
Creta mostraba temas animalistas en toda a súa realidade e o seu dinamismo. Na
arte románica, o tema animalista deriva a formas fantásticas, de forte contido
simbolista. No Gótico esta arte encarrílase novamente ó Naturalismo. No Renacemento
e en estilos posteriores, o tema animalista foi interpretado por artistas que
en poucas ocasións o cultivaron como tema exclusivo (F. Snyders, A. Bayre, M.
Hernández, R. Arenys e outros). |
| |
2 | animal racional Denominación aristotélica que se vén
empregando para referirse á especie humana, en contraposición a animal
irracional. |
|
| 7 | animal de compañía Animal doméstico que coa súa presencia
acompaña a unha persoa. |
| 8 | animal de pelo Mamífero, especialmente o doméstico (coello,
cabra, cabalo e outros), en contraposición a animal de pluma, e ou de pel
valiosa, como o visón. |
| 9 | animal de pé longo Artiodáctilo, especialmente o doméstico (boi,
ovella, cabra, etc), en contraposición a animal de pé redondo. |
| 10 | animal de pé redondo Perisodáctilo, especialmente o doméstico (cabalo e mula), en contraposición a
animal de pé longo. |
| 11 | animal de pluma Ave, especialmente a ave grande e comestible
(galiña, pato, pavo, por exemplo), en contraposición a animal de pelo. |
| 12 | animal de sangue frío ZOOL poiquilotermo. |
| 13 | animal de sangue quente ZOOL homotermo. |
|
|


© 2008 Ir Indo Edicións. Todos os dereitos reservados.
|
| | 
 Clasificación do reino animal
 animais domésticos
 estrela de mar


Luar Na Lubre - Os Animais
|
|