Maquiavelo

(Florencia 3.5.1469 - 21.6. 1527) Político e escritor. De nome Nicolò Machiavelli, foi chanceler da república florentina (1498), onde destacou pola súa actividade diplomática. Foi exiliado en 1512 ó regresar Florencia ó poder dos Medici. Desta época son as súas obras máis importantes: Il principe, o Discorsi sulla prima deca di Tito Livio e La mandragola, peza principal do teatro italiano. En 1519 volveu a Florencia, onde os Medici lle ofreceron cargos de pouca importancia, e publicou Arte della guerra (1521) e Storie fiorentine (1515). Restaurada a República de Florencia (1527), o novo goberno excluíuno da vida política. A súa obra sentou as bases da ciencia política e do estado moderno, tratou de crear un estado capaz de rexeitar ataques estranxeiros e afianzar a súa soberanía, e defendeu que a política é a arte de conseguir e conservar o poder. Considerou a acción política con criterios netamente científicos. A realidade humana, desde o nivel psicolóxico ata o político, é susceptible de descrición científica porque dominan paixóns e vontades naturais e inmutables. O núcleo da reflexión de Maquiavelo é propiamente este privilexio aplicado á política, que é sobre todo, a expresión, no campo teórico, do carácter fundamental do estado moderno: a separación antagónica entre a esfera política e a sociedade civil. A organización política xa non se considerou a expresión directa e inmediata das relacións civís; ó contrario, separouse destas relacións e presentouse como unha actividade máis coa característica de asumir o resto como unha materia que organizar. O carácter inhumano do príncipe, o seu cinismo e a súa crueldade, non son outra cousa que a inhumanidade do estado burgués moderno.







  w w w . e g u . e s